O director do programa Base Lunar da NASA, Carlos García-Galán, dará unha conferencia no campus de Ourense

O director do programa Base Lunar da NASA, Carlos García-Galán, dará unha conferencia no campus de Ourense
Será o 19 de xuño e está aberta tanto ao estudantado universitario como ao alumnado de ensinanzas non universitarias (ESO, Bacharelato e Formación Profesional), así como ao profesorado interesado
O campus de Ourense será o escenario, o vindeiro venres 19 de xuño, dunha conferencia impartida por Carlos García-Galán, actual director do programa Base Lunar da NASA. A actividade está pensada como unha oportunidade para achegar ao público asistente o ámbito da exploración espacial e o seu impacto no desenvolvemento científico e tecnolóxico.
O encontro terá lugar ás 12.00 horas na sala Emilia Pardo Bazán, situada no soto do Edificio de Ferro. A asistencia está aberta tanto ao estudantado universitario como ao alumnado de ensinanzas non universitarias —ESO, Bacharelato e Formación Profesional—, así como ao profesorado interesado.
A iniciativa está organizada pola Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga), co apoio da Vicerreitoría do campus de Ourense. A inscrición en liña permanecerá aberta ata o 16 de xuño.
Segundo destacan desde a organización, García-Galán conta con máis de 27 anos de experiencia en voos espaciais tripulados e desempeña un papel clave na xestión e desenvolvemento do programa Base Lunar da NASA, integrado na campaña Artemis. Esta iniciativa ten como obxectivo avanzar cara a unha exploración lunar sostible e establecer as bases para futuras misións a Marte.
O relator é orixinario de Málaga e desenvolveu unha ampla carreira no sector espacial. Antes do seu actual cargo, foi subxerente do programa Gateway e responsable da integración do Módulo de Servizo Europeo (ESM) dentro do programa Orion no Centro de Investigación Glenn da NASA, en Cleveland (Ohio), colaborando coa Axencia Espacial Europea (ESA) no seu desenvolvemento e integración.
García-Galán incorporouse ao programa Orion en 2010 no Centro Espacial Johnson, en Houston, onde ocupou distintos postos técnicos e de xestión relacionados co deseño de misións, a integración de sistemas e o apoio ás operacións de voo e lanzamento. Con anterioridade, traballou como controlador de voo da Estación Espacial Internacional, participando en operacións desde os centros de control de Houston e Korolev (Rusia).
Tamén desenvolveu actividade profesional en empresas como Honeywell Space Systems e colaborou con Lockheed Martin no desenvolvemento inicial da nave Orion. Ao longo da súa traxectoria foi recoñecido con diversos galardóns, entre eles a Medalla de Prata ao Logro da NASA, a Medalla ao Logro Excepcional da axencia e o premio Silver Snoopy, entre outros.