O Domingo de Comedias regresou a Mugares despois de 30 anos

OurenseXa
A Asociación Cultural Entroido de Mugares recuperou esta tradición nunha xornada na que tamén se rendeu homenaxe a Xosé Manuel Piñeiro
domingo-de-comedias-entroido-de-mugares
Domingo de Comedias en Mugares
3 Mar 2025

A veciñanza de Mugares, en Toén, recuperou este domingo unha das tradicións máis emblemáticas do seu entroido: o Domingo de Comedias.

Pese a que nos últimos anos as comedias xa se viñan celebrando durante os festexos do martes, non foi ata este 2025 cando a Asociación Cultural Entroido de Mugares logrou recuperalas no seu día tradicional. “Antes se facían o martes por cuestións de organización, pero as comedias sempre foron o domingo”, contaba o presidente da asociación, Roberto Álvarez, nunha entrevista a este medio.

As obras e parodias deste domingo foron ‘De mulleres non me fales’, ‘O mal de Manueliño’, ‘Ola Luisa!’, ‘Telexornal de Mugares’, e ‘Flis Dei’, así como tamén houbo lugar unha homenaxe ao falecido Xose Manuel Piñeiro, co seu programa estrela Supermartes.

A veciñanza prepárase agora para a seguinte cita deste Entroido de 2025, que terá lugar este martes, cando as Señoritas e os Labardeiros volverán a saír polas rúas da vila. Será a partir das 11.30 horas dende a Igrexa de Mugares. Ademais, ás 12.30 horas arrancará a sesión vermú no Local Social coa actuación da charanga A Felga, e ás 13.30 horas haberá un cocido de Entroido. Pola tarde, ás 16.30 horas, saíra a comparsa do Entroido cara ao Moreiro. Tamén pola tarde será a xuntanza dos Mazarucos en Penedreda e a boda no Eiró. O remate da festa será no Local Social coa charanga A Felga.

⚙ Configurar cookies
0.14607191085815