O embaixador do Estado de Palestina en España dará unha conferencia no campus de Ourense este venres

OurenseXa
O encontro terá lugar ás 20.00 horas na sala Emilia Pardo Bazáne contará con entrada libre sen necesidade de inscrición previa
charla-palestina-campus-de-ourense
4 Jun 2026

O campus universitario de Ourense será escenario este venres dunha conferencia a cargo de Husni Abdel Wahed, embaixador do Estado de Palestina en España, nun acto aberto ao público e dirixido a todas as persoas interesadas.

A intervención leva por título “Palestina en primeira persoa” e propón un achegamento á realidade do país desde a experiencia vital e profesional do propio embaixador. Na charla abordaranse aspectos da evolución histórica de Palestina e tamén a situación actual, marcada polo conflito con Israel.

O encontro terá lugar ás 20.00 horas na sala Emilia Pardo Bazán, situada no soto do Edificio de Ferro, e contará con entrada libre sen necesidade de inscrición previa. A actividade está organizada pola Vicerreitoría do campus de Ourense e a Facultade de Relacións Internacionais da Universidade de Vigo.

Husni Abdel Wahed, nacido en 1960 nun campo de refuxiados preto de Xericó, desenvolveu unha ampla traxectoria como xornalista e diplomático. Tras estudar en países como Bulgaria e Cuba, onde se licenciou e realizou estudos de posgrao en Xornalismo, ocupou distintos cargos na administración palestina e en representacións diplomáticas en América Latina e Europa. Desde 2022 encabeza a misión diplomática palestina en España e foi nomeado embaixador tras o recoñecemento oficial do Estado palestino por parte de España en 2024.

O acto inscríbese no programa de actividades académicas e de divulgación do campus, que busca favorecer o diálogo e a reflexión sobre cuestións internacionais de actualidade.

0.13734006881714