O equipo animador de 'Tempo de Troula' valora moi positivamente a primeira semana desta iniciativa de lecer educativo en Ourense

OurenseXa
Destacan a boa resposta das familias, o traballo do equipo voluntario e a satisfacción dos participantes durante os tres primeiros días de actividade
XIV Tempo de Troula
11 Sep 2026

O equipo animador do proxecto de lecer educativo 'Tempo de Troula' realizou unha valoración moi positiva da súa primeira semana de funcionamento, desenvolvida ao longo de tres xornadas, desde o pasado mércores día 9. Esta iniciativa, organizada pola Asociación Xuvenil Amencer para as tardes do mes de setembro, cumpre este ano a súa décimo cuarta edición.

En primeiro lugar, desde a entidade destacan a boa acollida da proposta por parte das familias. Nesta primeira semana, a actividade contou coa participación de oito nenos e nenas, unha cifra que consideran satisfactoria tendo en conta a traxectoria do proxecto ao longo destes catorce anos.

Por outra banda, a valoración tamén recolle o traballo desenvolvido polo equipo humano encargado de sacar adiante a actividade, composto por dúas persoas voluntarias da asociación. Este equipo levaba preparando a proposta desde principios de setembro, co obxectivo de ofrecer unha experiencia de calidade no tempo libre dos participantes.

En canto ao desenvolvemento das actividades, a organización sinala que se levaron a cabo todas as propostas programadas para estos días, caracterizadas pola súa variedade e por estaren adaptadas ás idades e intereses dos participantes. O balance neste sentido é igualmente positivo, xa que, segundo indican, os nenos e nenas mostraron un alto grao de satisfacción coas dinámicas realizadas en cada xornada.

Este conxunto de valoracións positivas anima á entidade organizadora a seguir apostando por este tipo de propostas, dirixidas especialmente a familias que, por motivos laborais, non poden atender axeitadamente aos seus fillos e fillas durante as tardes. Desde a asociación apuntan que será necesario esperar á avaliación final do proxecto para poder ofrecer unha visión de conxunto máis completa desta experiencia de lecer educativo.

0.1591329574585