O estudantado galego mobilizarase polo dereito á vivenda en Lugo, A Coruña e Ourense

LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza anunciou unha folga estudantil
erguer-campaña-vivenda
25 sep 2024

A organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza anunciou unha folga estudantil o próximo 2 de outubro co obxectivo de reivindicar o dereito á vivenda para o estudantado galego. Esta mobilización responde á crecente precariedade que está a sufrir o colectivo, especialmente debido ao aumento dos prezos dos alugueiros e á falta de vivendas accesibles nas principais cidades galegas. Terá lugar nas cidades de Lugo, no Edificio Multiusos da Xunta; na Coruña, onde o Obelisco e en Ourense, na Facultade de Ferro

Erguer denuncia que a especulación inmobiliaria, impulsada por políticas neoliberais, está a expulsar ás estudantes das cidades. "Non estamos dispostas a aceptalo. Reclamamos unha vivenda digna, accesible e segura para todas as estudantes!", manifestan desde a organización. A situación actual está levando a moitas estudantes a abandonar os seus estudos ou a vivir en condicións indignas, o que afecta directamente o dereito á educación en igualdade de oportunidades.

A crise da vivenda, combinada coa falta de políticas públicas que garantan este dereito, converteuse nunha das principais barreiras para o acceso ao ensino superior no país. A dispersión poboacional e a deficiente rede de transportes públicos obrigan a gran parte do estudantado a residir nas cidades, facendo do alugueiro o principal gasto para milleiros de persoas. Erguer salienta que a crise da vivenda é un problema estrutural que debe ser abordado con urxencia. A organización presentará tres demandas principais durante a mobilización: máis prazas en residencias públicas, a creación dunha bolsa de vivenda pública para o estudantado e a regulación dos prezos do alugueiro. A folga do 2 de outubro busca poñer no foco a situación crítica que afronta o estudantado galego e reclamar solucións que aseguren o acceso a unha vivenda e, por extensión, á educación.

0.17044901847839