O Festival RiR arrinca en Allariz cunha xornada de encontro veciñal, humor e sorpresas

OurenseXa
A sesión inaugural, celebrada na Casa da Cultura, combinou a proxección do Palmarés 2025 cun sorteo especial arredor da novela Drácula, mentres a Sección Oficial xa suma os seus primeiros pases a concurso
festival_RiR
1 Sep 2026

O Festival Internacional de Curtametraxes de Comedia RiR botou a andar oficialmente este domingo en Allariz coa proxección do Palmarés 2025 na Casa da Cultura da vila. Nesta novena edición, o certame volveu confirmar que vai moito máis alá do simple entretemento, converténdose nun verdadeiro punto de encontro entre veciños de diferentes idades.

Así o subliña o director do festival, quen destaca o carácter próximo e familiar desta cita, pensada para chegar a todo tipo de público. Segundo explica, moita xente que nun principio non se sente identificada co formato acaba descubrindo o festival e desfrutándoo tanto coma calquera outro asistente habitual.

Esa atmosfera cordial xorde xa antes de que arranquen as proxeccións, cun momento previo de café e conversa entre os asistentes que se converteu en costume. Esta dinámica fai que o RiR cumpra tamén unha función social relevante na vila, xa que serve de punto de encontro para persoas, especialmente mulleres maiores que viven soas, que atopan alí durante toda unha semana un espazo para rir, evadirse e facer novas amizades.

A primeira sesión, ademais do bo ambiente, deixou tamén unha sorpresa final: da man do patrocinador principal do festival, Aira Editorial, sorteouse entre os asistentes un lote arredor da edición ilustrada en galego do clásico Drácula, de Bram Stoker, composto polo libro, unha libreta, unha carpetiña con postal e marcapáxinas, e unha lámina asinada e numerada polo ilustrador Miguel Robledo.

Coa xornada inaugural xa superada, a Sección Oficial botou a andar coa proxección dos primeiros pases do Bloque 1 e do Bloque Docu-Mocku, dedicado ao falso documental. A programación continuará ao longo de toda a semana na Casa da Cultura, cos diferentes bloques de ficción e documental repetindo pase para que ninguén se quede sen velos. Como cada ano, o público terá un papel protagonista, xa que coas súas votacións ao final de cada sesión decidirá o Premio do Público desta edición.

O festival segue así a dinamizar a vida cultural de Allariz grazas ao apoio do Concello e da Deputación de Ourense, así como do seu patrocinador principal, Aira Editorial.

0.16070890426636