O Frei Canedo de Verán encherá o Campo da Feira da Ponte cunha gran festa para todos os públicos

OurenseXa
A cita reunirá o vindeiro 5 de setembro actividades infantís, gastronomía popular, concursos e música en directo, con propostas pensadas para cativos, mocidade e maiores
frei_canedo_cartel
28 Aug 2026

A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte ultima os preparativos da terceira edición do Frei Canedo de Verán, unha celebración que terá lugar o sábado 5 de setembro no Campo da Feira e que chega xa consolidada como unha das citas máis destacadas do calendario festivo da entidade.

Tras o bo resultado das dúas edicións anteriores, a organización volve apostar por unha xornada dirixida a todas as idades, combinando propostas para os máis cativos con actividades para a mocidade e os adultos, nunha cita pensada para fomentar a convivencia e o ambiente festivo no barrio.

Os actos comezarán xa o venres 4 de setembro pola tarde, cun pasarrúas polo barrio da Ponte a cargo de Cantares da Cunha, a modo de antesala da gran festa do día seguinte. Xa o sábado, a xornada prolongarase dende o mediodía ata ben entrada a madrugada, cunha programación que combina lecer infantil, gastronomía, concursos e música en directo.

Entre as propostas destacan unha sesión vermú inicial, actividades e xogos gratuítos para os máis cativos, o tradicional xantar popular, unha festa da escuma, un concurso de touro mecánico para adultos e o agardado concurso de disfraces, tanto individual como grupal, que reparte premios en metálico. A xornada pecharase cun gran baile de disfraces e música DJ.

Dende a Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte destacan o traballo realizado durante os últimos meses para sacar adiante esta nova edición e agradecen a colaboración de persoas, negocios, entidades e do Concello de Ourense na organización do evento. A entidade anima ademais a todos os asistentes a acudir disfrazados para dar máis colorido á celebración.

A entidade convida aos veciños da Ponte, de Ourense e de toda a comarca a sumarse á celebración e desfrutar dunha xornada de festa e convivencia no Campo da Feira, nunha terceira edición que reforza a vocación desta cita de ser un encontro aberto e participativo para todas as xeracións.

Pódese consultar aquí o programa completo, con todos os horarios e actividades.

0.17164897918701