O Grupo Municipal Socialista pide a Jácome que renove as concesións en precario

OurenseXa
“Ata que non se renoven as concesións a veciñanza seguirá pagando intereses e con 2 millóns de euros poderían facerse moitas cousas na cidade”, explican
María Fernández Ojea, grupo municipal socialista de Ourense
Mará Fernández Ojea
15 Nov 2024

A edil do PSdeG no Concello de Ourense María Fernández insistiu novamente na “pasividade e inoperancia do alcalde”, Gonzalo Pérez Jácome, para exercer como corresponde o seu cargo durante o pleno extraordinario que tivo lugar esta mañá e ao que o equipo de goberno levou dúas modificacións de crédito para facer fronte a débedas da Administración local.

A edil María Fernández defendeu a abstención do grupo municipal socialista no voto do expediente 24P sinalando que existe unha sentenza firme, dende o mes de febreiro, que debería terse executado xa. “Que a empresa tivera que pechar as súas instalacións durante os meses da pandemia non é culpa de ninguén e que decida reclamar os beneficios que lle corresponden está avalado xudicialmente. Está aquí dende febreiro e non se habilitou esta modificación de crédito ata o de agora porque tiñan cousas moitísimo máis importantes que facer. Habiliten o crédito, tramiten coa maior dilixencia posible e antes de que remate este 2024 e paguen á empresa o que lle deben antes de seguir acumulando xuros de demora”, pediu con ton irónico.

No que atinxe ao expediente 25P para saldar a débeda da Administración local coa empresa concesionaria do servizo de transporte urbano tamén se abstiveron os e as socialistas. “Dende o 2015 o contrato do transporte público está en precario e esta sentenza é do 2022, polo tanto dende ese ano o alcalde é coñecedor da débeda do Concello de Ourense coa empresa. Neste caso concreto falamos de 2 millóns de euros de xuros”, expuxo desbotando a afirmación de Democracia Orensana que vén repetindo, nos últimos meses, que ter as concesións en precario non supón un gasto maior para escusar a súa neglixencia.

Ante a reiteración do argumento de Gonzalo Pérez Jácome de votar a culpa aos grupos da oposición, ao interventor ou ao funcionariado de diferentes áreas, lembrou ao rexedor que “o PSOE deixou de gobernar en maio de 2015 e DO leva no executivo dende 2019” e que o alcalde “non chegou onte”. Por todo elo, a edil do PSdeG afirmou que debería comezar a asumir a responsabilidade que o bastón de mando require e que lle esixía aos rexedores que o precederon.

“Ata que non se renoven as concesións a veciñanza seguirá pagando intereses e con 2 millóns de euros poderían facerse moitas cousas na cidade”, rematou contundente a socialista cifrando en arredor dos 57 millóns de euros as débedas que supoñen estes servizos caducados e que haberá que aboar ás empresas, dos cales 10 millóns corresponderán a xuros.

Por outra banda, no segundo pleno extraordinario convocado para esta mañá para aprobar unha terceira modificación orzamentaria para emerxencia social (por unha contía de 300.000 euros), a voceira do grupo municipal do PSdeG, Natalia González, lamentou que esta área non sexa unha prioridade para o executivo que aínda non conta cuns orzamentos. “Por iso estamos hoxe aquí con outro parche, por iso aprobamos hai dous meses e medio 300.000 euros, poidendo aprobar 600.000 euros e ter cuberta xa esta necesidade para que a xente cobrara en tempo e forma”, recriminou.

“Houbo, dende o minuto 1, un escurantismo total e falta de previsión por parte do executivo que nos mentiu á oposición porque en ningún momento soubemos o número real de solicitudes de emerxencia social pendentes. Nas Xuntas de Área primeiro se nos falaba de aproximadamente 250, logo de que había 80 e hoxe estamos a falar de máis de 400. Os servizos sociais do Concello de Ourense están en estado crítico. Levamos 5 anos de recortes e desmantelamento”, resumiu a portavoz.

 

0.20648384094238