O Hospital Universitario de Ourense dá a benvida a un novo grupo de estudantes en prácticas de Medicina e de ciclos formativos

OurenseXa
Un total de 46 mozos e mozas, procedentes da Universidade de Santiago de Compostela e de distintos ciclos formativos de grao superior, incorpóranse aos centros da área sanitaria para desenvolver a súa formación clínica ao longo do curso
Estudantes CHUO
7 Sep 2026

O Hospital Universitario de Ourense recibiu este martes a 26 estudantes de sexto curso do Grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, que a partir de agora rotarán polas distintas áreas e materias troncais do centro durante o que será o seu último ano de formación antes de graduarse, previsto para o vindeiro mes de maio.

O grupo foi recibido no salón de docencia polo director asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Eloy Sánchez, xunto co presidente da Comisión de Docencia Hospitalaria, Jesús García Mata, que lles trasladaron unhas palabras de benvida e os animaron a participar activamente na vida do hospital, así como a coidar o trato humano cos pacientes durante a súa etapa formativa.

A maior parte deste alumnado ten a súa orixe en Ourense ou mantén vínculos coa provincia, aínda que o grupo tamén inclúe estudantes chegados de Portugal, Almería, Badaxoz e Sevilla que, malia cursar os seus estudos na facultade de Santiago de Compostela, optaron por realizar as súas prácticas en Ourense polas facilidades que ofrece o centro e pola atención máis próxima e personalizada que reciben. Igual que en promocións anteriores, o grupo está composto maioritariamente por mulleres.

Sete rotacións obrigatorias

O plan de estudos de sexto curso contempla sete áreas clínicas de paso obrigado para todo o alumnado: medicina interna, cirurxía, urxencias e servizos centrais, obstetricia e xinecoloxía, pediatría, psiquiatría, e medicina familiar e comunitaria.

Ao longo destas rotacións, os estudantes intégranse nos distintos equipos asistenciais, o que lles permite gañar experiencia práctica en tarefas como a elaboración de historias clínicas, o proceso de diagnóstico, a proposta de tratamentos e a coordinación entre os diferentes servizos hospitalarios.

Máis alá das rotacións esixidas polo plan docente, boa parte do alumnado solicita voluntariamente ampliar a súa formación en servizos ou unidades concretas polo seu interese profesional. Nesta ocasión, varios estudantes pediron completar o seu período de prácticas en Hospitalización a Domicilio, a Unidade de Coidados Intensivos, Cardioloxía, Dermatoloxía ou Oftalmoloxía.

Vinte estudantes máis de ciclos formativos

Xunto aos futuros médicos, este mesmo día incorporáronse tamén 20 estudantes de ciclos formativos de grao superior, que completarán un total de 500 horas de prácticas repartidas en 72 días por distintos centros da área sanitaria.

Deles, dez cursan o ciclo de Imaxe para o Diagnóstico, catro o de Radioterapia e Dosimetría, outros catro o de Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico, e dous máis estudan Informática e desenvolverán as súas prácticas no Servizo de Sistemas de Información. Cómpre salientar que, dos dez estudantes de Imaxe para o Diagnóstico, dous realizarán o seu período formativo no Hospital Público de Valdeorras.

Como tamén ocorre co alumnado de Medicina, é habitual que parte destes estudantes soliciten ampliar as súas horas de prácticas para afondar en determinadas unidades ou familiarizarse con procedementos e técnicas máis complexas, especialmente nos tres servizos centrais nos que se integran: Radioloxía, Anatomía Patolóxica e Oncoloxía Radioterápica.

No acto de benvida aos novos técnicos superiores participaron a delegada de Formación, Montse Seijas; as coordinadoras das áreas de Anatomía Patolóxica, Radioloxía e Radioterapia; o supervisor da área de Radiodiagnóstico; e o subdirector de Enfermería, Diego Rivera.

0.16386103630066