O II Encontro de Xornalismo Social ‘Somos Esenciais’ reivindica en Ourense a importancia de informar sobre o rural

OurenseXa
Xornalistas premiados e finalistas do galardón homónimo compartiron onte no Liceo de Ourense as súas experiencias cubrindo os incendios forestais e a realidade do mundo rural galego
II Encontro de Xornalismo Social ‘Somos Esenciais’ Ourense
Foto: Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
11 Nov 2026

O Liceo de Ourense foi onte luns, 10 de novembro, o escenario da segunda edición do Encontro de Xornalismo Social ‘Somos Esenciais’, unha cita organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que xurdiu durante a pandemia para poñer en valor o labor informativo e que co tempo se transformou nun recoñecemento ao xornalismo de temática social.

O acto, presentado polo vicedecano terceiro do Colexio, Francisco X. González Sarria, reuniu aos gañadores da última edición do premio, María Rodríguez e Carlos G. Hervella, do xornal O Sil, xunto a Brais Lorenzo e Cláudia Morán, que acudiron en representación de Habitar o baleiro, o colectivo que quedou finalista nesta edición.

Rodríguez repasou o proceso de elaboración de ‘Megaincendios na provincia de Ourense. A traxedia das chamas’, un conxunto de reportaxes publicadas en setembro de 2025 en O Sil sobre os incendios forestais que afectaron á provincia, traballo distinguido co VI Premio de Xornalismo “Somos Esenciais” polo seu enfoque multidisciplinar sobre esta problemática. A xornalista lembrou que en 2025 “a xente buscaba información desesperadamente, e non entendía a importancia dos megaincendios”, e subliñou que as consecuencias deste tipo de catástrofes se prolongan no tempo, xa que, nas súas palabras, “os incendios non rematan cando se apagan, quedan secuelas”. Rodríguez tamén puxo en valor a perspectiva particular que achega traballar desde un medio local, sinalando que, ademais de como xornalistas, viviron a emerxencia “como veciños e como afectados”.

Esa mirada desde a proximidade tamén estivo presente na intervención de Cláudia Morán, quen presentou en nome de Habitar o baleiro —colectivo que integra xunto a Brais Lorenzo, Sol Mendiguchía, Alba Moledo e Sergio Pascual— a serie de nove reportaxes ‘Habitar o baleiro: luces e sombras do rural galego’, publicada en Sermos Galiza, suplemento de Nós Diario. Este traballo permitiulles ser recoñecidos como finalistas do premio Somos Esenciais por ofrecer unha mirada ao territorio afastada dos tópicos habituais. Morán defendeu a necesidade de visibilizar as dificultades que atravesa o medio rural, como o abandono poboacional ou as secuelas dos incendios, pero tamén de reflectir as súas posibilidades de futuro e as iniciativas que xorden nestes territorios, apostando por un xornalismo que percorra o rural e dea voz a quen vive nel.

Posteriormente, Carlos G. Hervella e Brais Lorenzo sumáronse ás súas compañeiras para debater conxuntamente sobre a situación actual da información social, con especial atención ao xornalismo de proximidade. Desde O Sil defenderon que “o xornalismo local é o que resiste”. Todos os participantes coincidiron en destacar o carácter esencial do xornalismo, aínda que desde Habitar o baleiro se apuntou que a profesión atravesa un momento de descrédito, lamentando que se bote en falta un xornalismo que “fiscalice máis ao poder”.

0.13471007347107