O Mercado de Abastos de Celanova convértese nun Espazo Efémero durante a Semana Santa

Celanova acollerá nos vindeiros días unha nova edición do proxecto “Espazos Efémeros”, unha iniciativa que chega á localidade tras o seu paso por Gondomar e o Oriente de Asturias co obxectivo de dinamizar o comercio local e o emprendemento no rural.
A proposta transformarase durante tres xornadas a Praza de Abastos nun espazo renovado, converténdoa nun mercado contemporáneo e temporal no que convivirán produto de proximidade, artesanía, cultura e novas iniciativas creativas. Trátase dunha experiencia pensada para atraer tanto á veciñanza como ás persoas visitantes, cun formato limitado no tempo que busca ofrecer unha vivencia singular.
O evento reunirá unha coidada selección de proxectos locais, que abranguen desde a artesanía tradicional e contemporánea ata propostas vinculadas ao deseño ou á ilustración, así como produtos agroalimentarios que combinan tradición e innovación. Ademais, darase protagonismo a iniciativas que apostan por materiais naturais e procesos sostibles, configurando un escaparate diverso do talento creativo do territorio.
Entre os participantes figuran marcas e proxectos como Buscalume, MissLya, Serendipia Creative, Só para min, Moi de flores ou A Bugarda, que contribuirán a dar forma a un mercado dinámico e variado.
A programación complementarase con distintas actividades culturais, entre as que haberá obradoiros abertos ao público, demostracións en directo, actuacións musicais e propostas participativas, co fin de converter o espazo nun punto de encontro activo arredor do consumo local e a cultura.
“Espazos Efémeros” enmárcase nun proxecto de cooperación entre varios Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia e Asturias, que busca ofrecer novas ferramentas para revitalizar o tecido económico no medio rural. A iniciativa pretende activar espazos públicos, xerar oportunidades para produtores e emprendedores e reforzar a identidade local.
O proxecto conta con financiamento europeo a través do programa de desenvolvemento rural, cun orzamento global superior aos 137.000 euros, e aspira a consolidar un modelo innovador que poida replicarse noutros territorios.