O Monte de As Costas entra no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

OurenseXa
Galicia conta na actualidade con 52 masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, das cales 22 se sitúan na provincia de Ourense, e abranguen unha superficie de case 4.100 hectáreas
Monte_Paderne_de_Allariz
Paderne de Allariz
5 mar 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se somete a información pública o procedemento de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas o monte de As Costas, no concello ourensán do Paderne de Allariz. En concreto, inscríbense 19,56 hectáreas compostas por tres mouteiras de carballos, rebolos e bidueiros, de titularidade da Asociación Castiñeiros de Cantoña.

A partir de mañá, o día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural de Ourense os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas nun prazo de dous meses, que computarán a partir de mañá.

Cabe sinalar que, na actualidade, xa existen 52 masas inscritas no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas: 5 na provincia da Coruña, 15 en Lugo, 22 en Ourense e 10 en Pontevedra, cunha superficie total de máis de 4.094,51 hectáreas.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.