Barbadás prende este xoves as luces de Nadal

OurenseXa
O Concello vén de presentar o programa completo de actividades para festexar o nadal, que contará coa tradicional visita de Papá Noel e unha ampla oferta de teatro, música e deporte
Presentación da programación de Nadal en Barbadás
Presentación da programación de Nadal en Barbadás
4 Dec 2024

O Nadal dará comezo en Barbadás de xeito oficial este xoves, 5 de decembro, co xa tradicional acendido das luces ás 19.00 horas na Rúa do Viso. Para acompañar o momento, haberá animación musical mentres as rúas do concello se enchen da luz propia destas datas. Así o anunciaron as concelleiras Marga Pérez (Educación e Comercio), Ana Peleteiro (Cultura e Participación Veciñal), xunto á Tenente Alcalde, Victoria Morenza, e o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.

Durante o mes de decembro e parte de xaneiro, numerosas actividades de distinta índole terán lugar en Barbadás, organizadas pola Concellería de Cultura, coa colaboración necesaria doutras concellerías. “Ese traballo conxunto é o que fai posible unha programación coma esta”, valorou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.

Para a chegada das personaxes do Nadal haberá que agardar ao 20 de decembro, cando Papá Noel visitará os colexios. Volverá a tarde do 23 ás 18.00 horas ao poboado de Nadal da Valenzá.

O seguinte en visitar Barbadás será o Apalpador, que percorrerá a Avenida de Celanova o 27 de decembro. Os Reis Magos chegarán xa coa entrada do 2025, o xoves 2 de xaneiro, cando pasarán por diferentes localidades como Loiro, Pontón, Fonsillón ou Piñor, ademais da Avda de Celanova. O día seguinte seguirán en Barbadás, agardando polos máis pequenos no Pavillón Municipal.

Ademais disto, a programación inclúe eventos culturais coma obras de teatro. O venres 13 terá lugar a obra “Molto Barroco” con Píscore Teatro; o luns 16 quenda para “Voa voa” de Talía nos colexios e xa o 20, venres, chegará “Lambetadas”.

Tamén haberá música, con concertos do Coro da Escola Municipal de Música de Barbadás (EMMB) e da Banda Infantil o xoves 19 de decembro. O xoves 26 terá lugar o Festival de Panxoliñas e o venres 27 o concerto da Agrupación de Clarinetes da EMMB. Tamén a agrupación de guitarra e violín “Sen comtrastes”, da EMMB, actuará o luns 30. O peche das actuacións musicais chegará o venres 3 de xaneiro co concerto de Aninovo da Banda de Música Cultural de Barbadás.

Pero o Nadal en Barbadás tamén deixa espazo para a maxia o 17 de decembro con Javier Muro, un taller de DJ (26 de decembro) ou actividades deportivas como co clinic de porteiros (26 e 27 de decembro) ou o Torneo Benéfico Prebenxamín Memorial Javier Carid “Abuelo”.
Ademais, para axudar na conciliación, haberá campamentos para nenos e nenas os días 26 e 27 de decembro e o 2, 3 e 7 de xaneiro; mais tamén o Campamentos Dixitais para aproveitar estas datas aprendendo competencias no mundo dixital.

O Concello de Barbadás convida a toda a veciñanza a participar desta programación, pensada para celebrar en familia e vivir a maxia do Nadal.

Victoria Morenza, tenente Alcalde e concelleira de Servizos Públicos, destacou que este ano tentaron tanto introducir novos elementos de luces como tamén levar “ata o recuncho máis agochado do concello a maxia do Nadal”.

A concelleira de Educación e Comercio, Marga Pérez, sinalou que o Concello puxo en marcha actividades para favorecer “a conciliación familiar, dado que os nenos e nenas están de vacacións. Por iso hai campamentos tanto para nenos e nenas como mozos e mozas”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura e Participación Veciñal, Ana Peleteiro, quixo “animar a que a veciñanza saia e desfrute das festas, da ilusión, dos encontros, de atoparse coa familia e, a veciñanza, non deixa de ser outro modelo de familia”.

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou que se trata dunha programación dirixida a todas as idades e en moitos lugares do concello e aproveitou para desexarlles ós veciños e veciñas “paz e felicidade nestas datas”.

0.17074108123779