O novo mapa de Galicia presentado pola Xunta insiste na viabilidade económica das fusións municipais

AMariñaXa | OurenseXa
O informe abre a porta a unha posible fusión voluntaria entre os concellos de Nogueira de Ramuín e Pereiro de Aguiar, Alfoz e O Valadouro, Santiago e Teo, Noia en Lousame, Sanxenxo e Meaño e a fusión de concellos da comarca do Deza
Inauguración do congreso congreso Reforma do mapa municipal de Galicia
Inauguración do congreso congreso Reforma do Mapa Municipal de Galicia
20 Sep 2024

A Xuta de Galicia presentou onte no congreso Reforma do Mapa Municipal de Galicia o informe 'A Planta Local Galega', un documento elaborado pola Fundación Juana De la Vega en colaboración coas tres universidades galegas e que valora unha hipotética fusión municipal entre varios concellos de Galicia.

Concretamente, o informe abre a porta a unha posible fusión entre os concellos ourensáns de Nogueira de Ramuín e Pereiro de Aguiar, Alfoz e O Valadouro, en Lugo, Santiago e Teo e Noia en Lousame, na provincia da Coruña, e Sanxenxo e Meaño e a fusión de concellos da comarca do Deza, na provincia de Pontevedra.

Fusións voluntarias

A Xunta insiste en que serán os propios concellos, de forma voluntaria, os que deben decidir os mecanismos máis axeitados de asociacionismo e cooperación intermunicipal -compartindo postos de secretaría, intervención ou tesourería entre varios municipios, agrupacións ou mancomunidades, fusións...- co obxectivo de que a veciñanza teña un acceso igualitario aos servizos con independencia do lugar no que resida e, ao mesmo tempo, se poida facer fronte a desafíos da demografía galega como o avellentamento ou o despoboamento.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou durante a inauguración do Congreso que as primeiras conclusións amosaron que a cidadanía ten unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos con ata un 83%, e considera que a redución do número destes melloraría a súa capacidade de prestación de servizos. A porcentaxe redúcese cando se pregunta polas fusións no propio concello.

Reforma da Lei de Administración Local

Diego Calvo lembrou que a Xunta está a traballar na reforma da Lei de Administración Local de Galicia de 1997 e precisamente as conclusións deste estudo tamén serán tidas en conta na súa elaboración. Coa nova norma, o Goberno galego pretende avanzara cara un municipalismo do século XXI asentado na cooperación, a coordinación e na colaboración con ferramentas que garantan a calidade dos servizos municipais no actual contexto demográfico da comunidade ao prestar, por tanto, especial apoio aos concellos en risco de despoboamento.

Por outra parte, explicou que na viabilidade dos concellos ten moito que ver o financiamento local, polo que aclarou que a súa negociación ten que ir asociada á do financiamento autonómico entre o Goberno central e as comunidades. Para compensar os desfases, a Xunta garante a participación das entidades locais nos orzamentos autonómicos mediante o Fondo de Cooperación Local. Así, este fondo sumado a todas as axudas da Xunta ás entidades locais supera os 602 millóns este ano.

As fusións de Oza-Cesures e Cerdedo-Cotobade como exemplo

Cómpre lembrar que Galicia foi pioneira co impulso das dúas únicas fusións voluntarias de municipios que se produciron en España en 40 años: as de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade. Como resultado destes procesos, estes concellos teñen unha mellor capacidade financeira para afrontar con maiores garantías o reto de fixar poboación no seu territorio e buscar a súa viabilidade futura.

Dende 2013, a lexislación básica en materia de réxime local, por iniciativa do Goberno galego, recolle medidas concretas encamiñadas a fomentar e incentivar a fusión entre concellos de municipios ao garantir maior financiamento. Tamén desde ese ano se acordou que todas as convocatorias de axudas a concellos ofrezan vantaxe aos proxectos presentados de xeito conxunto. Ademais, desde 2016 a normativa eleva a rango legal medidas complementarias para primar proxectos de xestión compartida e incentivar os procesos de fusión municipal.

0.16675519943237