O OUFF inaugura a súa 31ª edición cunha gala marcada pola música, o humor e a participación

GaliciaXa | OurenseXa
Javier Gutiérrez recibiu a Calpurnia de Honra nunha noite na que José Manuel Lorenzo e Uxía Blanco tamén foron recoñecidos co Premio Chano Piñeiro e o Premio AISGE
gala-inaugural-ouff-2026
26 Sep 2026

O Ourense Film Festival (OUFF) deu comezo este venres á súa 31ª edición cunha gala celebrada no Auditorio Municipal de Ourense, que combinou música en directo, humor e participación do público coa entrega de varios dos principais galardóns do certame. O actor e presentador Rafa Durán foi o encargado de conducir unha velada de máis dunha hora de duración.

Durante o acto entregáronse o Premio Chano Piñeiro a José Manuel Lorenzo, o Premio AISGE a Uxía Blanco e a Calpurnia de Honra a Javier Gutiérrez. Este último protagonizou un dos momentos máis emotivos da noite ao recibir o recoñecemento entre os aplausos do público e visiblemente emocionado.

A encargada de presentar a súa traxectoria foi a actriz María Vázquez, que destacou o percorrido profesional, o compromiso e a humanidade do intérprete, así como o vínculo que mantén con Galicia e co propio festival. Gutiérrez agradeceu o galardón ao OUFF, á cidade de Ourense e ao público e reivindicou o papel da cultura e do cinema como espazos de encontro e memoria.

O director artístico do festival, Óscar Doviso, puxo o foco na variedade de propostas que volven formar parte desta edición. “Volvemos traer a Ourense historias de diferentes lugares do mundo, novas voces e diferentes maneiras de entender o cine. Películas que nos farán rir, emocionarnos, sorprendernos e tamén, como non podía ser doutro xeito nun festival coma este, pensar”, sinalou.

Doviso tamén destacou a evolución do OUFF ao longo das súas 31 edicións e explicou que o obxectivo é que o festival vaia máis alá das proxeccións. “Queremos que sexa un lugar onde sucedan cousas. Onde se produzan encontros, onde nazan proxectos, onde os profesionais compartan experiencias e onde o público sinta que forma parte de algo”, afirmou.

A gala comezou coa actuación da Real Banda de Gaitas, acompañada por un remix do DJ John Axiom. Ao longo da noite, o público tamén participou en dous concursos Trivial OUFF, con preguntas relacionadas coas diferentes seccións do festival.

O humor chegou da man dun sketch protagonizado por Rafa Durán e Óscar Doviso, que recrearon unha sesión de “coaching cinematográfico” con referencias ao mundo audiovisual e elementos escénicos como o confeti.

A música tivo outro dos seus momentos destacados coa actuación de Guille Galván, compositor, letrista e integrante de Vetusta Morla, que interpretou varias pezas nun formato máis íntimo.

Na gala tamén se presentou a película inaugural desta edición, ‘Las ciegas hormigas (Inurri itsuak)’. O director Igor Legarreta e o protagonista, Urko Olazabal, participaron no acto xunto ao produtor executivo Pablo Barinaga, membro do xurado. Os responsables do filme compartiron detalles sobre a adaptación da novela homónima de Ramiro Pinilla e sobre a súa recente estrea no Festival Internacional de Cine de San Sebastián, dentro da sección Zinemira.

A 31ª edición do OUFF desenvolverase ata o 4 de outubro cun intenso programa de actividades. O festival está organizado pola Asociación Luarada, co apoio da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia e o patrocinio de diferentes entidades e empresas.

0.11891007423401