O Parque Municipal do Carballiño acolle este sábado unha xornada de atletismo infantil

O Concello do Carballiño colabora este sábado na organización da xornada 'Xogando o atletismo', promovida polo Club Sanysec Ourense Atletismo e apoiada pola Deputación de Ourense. O encontro terá lugar no aparcadoiro do Parque Municipal situado nas proximidades do río, un espazo pensado para acoller a nenos e nenas a partir dos 6 anos.
Na presentación da iniciativa, realizada esta mañá, o alcalde en funcións, José Castro-Gil, subliñou a vontade do goberno local de seguir apostando polo deporte como ferramenta para achegar á veciñanza á actividade física e a hábitos de vida saudables, ao tempo que se amplía a oferta de propostas deportivas no concello.
Pola súa banda, o presidente do Club Sanysec, Óscar Seoane, agradeceu o apoio tanto do Concello coma da Deputación para dar a coñecer o atletismo. Segundo explicou, a xornada do sábado combinará diferentes propostas lúdicas —entre elas xogos, xincanas e probas de salto— co obxectivo de que os máis pequenos gocen mentres se achegan aos valores propios do deporte.
A actividade comezará ás 10.30 horas e prolongarase ata arredor das 13.00 horas. Seoane precisou que un equipo de monitores estará presente para acompañar aos participantes ao longo das distintas probas programadas.
Aínda que as inscricións poden formalizarse previamente na área de Deportes do Concello, a organización sinalou que tamén será posible sumarse á actividade sen necesidade de apuntarse con antelación. Segundo indicou Castro-Gil, abondará con acudir ao aparcadoiro ás 10.30 horas, hora de inicio da xornada, para poder participar. O rexedor animou ás familias do concello a sumarse a esta proposta deportiva pensada para o goce dos máis novos.