O pavillón Paco Chao do Carballiño será sede dun torneo de tenis de mesa aberto a todas as idades e niveis

O pavillón municipal Paco Chao do Carballiño será o escenario, o vindeiro venres 11 de setembro, dun torneo de tenis de mesa organizado polo Club Ourense Tenis de Mesa en colaboración coa Deputación de Ourense. A proposta está dirixida a todos os niveis e busca achegar esta disciplina deportiva tanto aos máis pequenos como aos adultos do municipio.
Desde o goberno local animouse á veciñanza a anotarse nesta xornada, presentada como unha cita deportiva pensada para gozar do deporte e pasalo ben.
A competición comezará ás 16.30 horas e contará con dúas categorías diferenciadas: unha sub-16, para os nados en 2011 e anos posteriores, e outra absoluta, para quen naceu antes desa data. Desde a organización explicouse que se entregarán trofeos aos catro primeiros clasificados de cada categoría, ademais de medallas para todos os participantes da categoría sub-16. Tamén haberá agasallos para todos os xogadores e xogadoras inscritos, así como froita e auga a disposición durante toda a xornada.
A inscrición é gratuíta e xa se pode formalizar nas oficinas do Concello do Carballiño, a través do teléfono 667 412 636 ou do correo electrónico ourensetenisdemesa@gmail.com. A idade mínima para participar é de oito anos.