O Pereiro de Aguiar reforza os traballos de limpeza e mantemento en estradas e núcleos urbanos

As brigadas municipais do Pereiro de Aguiar continúan cos labores de limpeza, desbroce e mantemento en diferentes puntos do concello, cun dispositivo formado por 20 profesionais que está a actuar tanto na rede viaria como nos núcleos urbanos e nos espazos públicos.
Os traballos de desbroce e limpeza abranguen xa 87 hectáreas de superficie, mentres que as actuacións na rede viaria permiten atender máis de 170 quilómetros de estradas e pistas. Estas tarefas buscan manter as vías e os seus arredores en boas condicións e favorecer a seguridade nos desprazamentos.
O dispositivo municipal tamén está a intervir nos núcleos urbanos, onde se realizan labores de limpeza e acondicionamento dos espazos públicos. As actuacións esténdense así a diferentes puntos do territorio co obxectivo de manter coidados tanto os accesos e vías de comunicación como as zonas de uso habitual da veciñanza.
O Concello sinala que se trata dun traballo continuo para coidar o territorio, mellorar as condicións dos espazos públicos e contribuír á seguridade e ao benestar da poboación.