O Piragüismo Ourense imponse no Campionato Provincial celebrado en Cenlle

O río Miño, ao seu paso por Barbantes, acolleu esta fin de semana o Campionato Provincial de Piragüismo, unha proba integrada na Liga Ourensá-Copa Deputación de Ourense 2026 na que participaron máis de 100 deportistas procedentes dos diferentes clubs da provincia.
A competición foi organizada polo Club Piragüismo Náutico Ribeiro e a Federación Galega de Piragüismo, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do Concello de Cenlle. As probas desenvolveron un percorrido de 1.000 metros para as categorías pre-benxamín, benxamín e alevín; de 2.000 metros para infantil e de 4.000 metros para os cadetes.
Numeroso público seguiu a competición desde a marxe dereita do río Miño. A entrega de medallas contou coa participación do vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Cesar Fernández; a concelleira do Concello de Cenlle, Lucia Fernandez; o directivo da Federación Galega de Piragüismo José Manuel Fernández e o presidente do Club Náutico Ribeiro, Santiago Carvajal.
A organización decidiu adiantar o horario habitual de inicio da regata debido á alerta por calor. Coa coordinación do equipo arbitral e a colaboración dos clubs e dos deportistas, a competición rematou antes das 13.00 horas. A entrega dos trofeos comezou nese momento, evitando así as horas centrais de maior calor. Segundo a organización, a xornada desenvolveuse sen incidencias.
Na clasificación individual, os primeiros postos das distintas categorías foron para Martín Feijoo, do Piragüismo Ourense, en cadete masculino; Lena Gonzalez, do Fluvial Avión-Castrelo de Miño, en cadete feminino; Thiago Paz, do Piragüismo Ourense, en infantil A masculino; Gabriel Chavez, tamén do Piragüismo Ourense, en infantil B masculino; e Isabella Rodriguez, do mesmo club, en infantil B feminino.
Na categoría benxamín A masculina venceu Guillermo Dacruz, do Fluvial Allariz, mentres que Hannah Carvajal, do Piragüismo Ourense, foi primeira en benxamín A feminina. Juan Bocigas, do S.C.D. Fontefria (Muiños), gañou en benxamín B masculino e Carla Varela, do Piragüismo Ourense, fíxoo en benxamín B feminino.
Nas categorías alevíns, Nicolás Carbajal e Jara Paz, ambos do Piragüismo Ourense, conseguiron a primeira posición en alevín A masculino e feminino, respectivamente. Asier Mora, do Fluvial Avión-Castrelo de Miño, foi o vencedor en alevín B masculino e Ximena Gonzalez, do Náutico Ribeiro, en alevín B feminino.
Por último, Marco Tomasello, do Piragüismo Ourense, foi o gañador na categoría pre-benxamín masculina, mentres que Maria Sophie Carvajal, tamén do Piragüismo Ourense, conseguiu o primeiro posto na feminina.
Na clasificación xeral por clubs, o Piragüismo Ourense ocupou a primeira posición, seguido do Náutico Ribeiro e do Fluvial Avión-Castrelo de Miño. O Fluvial Allariz quedou na cuarta posición, o Fluvial O Barco foi quinto e o S.C.D. Fontefría (Muiños) rematou sexto.