O Pleno de Barbadás aproba mobilizar 2,3 millóns de euros para actuacións de mellora no municipio

O Pleno do Concello de Barbadás aprobou a mobilización de 2,3 millóns de euros destinados a diferentes actuacións de mellora no municipio. Deste importe, 1,1 millóns de euros procedentes do remanente de tesourería serán destinados de maneira inmediata a obras consideradas prioritarias, entre as que se inclúen actuacións relacionadas coa seguridade viaria e coa renovación de espazos públicos.
No ámbito da seguridade viaria, o investimento permitirá acometer traballos de reparación e pavimentación de estradas e sendas. Pola súa banda, no apartado de espazos públicos están previstas actuacións como a renovación de parques infantís e a creación de refuxios climáticos con sistemas de sombra.
Desde o Concello sinalan que se trata dun plan equilibrado que pretende chegar a diferentes zonas do municipio e que, segundo indican, nace da escoita activa da veciñanza e dos distintos grupos da corporación.