O Pleno de Ourense aproba a xestión pública e directa do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD)

OurenseXa
O PSdeG reclama que o novo centro de discapacidade conte cunha xestión pública directa, ante as abstencións do PP e DO
María Fernández Ojea, grupo municipal socialista de Ourense
8 Nov 2024

O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense conseguiu aprobar a súa moción para instar á Xunta de Galicia a que a xestión do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade (CAPD) sexa pública e directa, garantindo así a calidade dos servizos con profesionais da administración pública. A iniciativa saíu adiante a pesar das abstencións do Partido Popular (PP) e Democracia Orensana (DO).

Durante a defensa da moción, Natalia González Benéitez, voceira socialista, lembrou a loita de máis de oito anos que as familias veñen realizando para conseguir que a Xunta cumpra o compromiso adquirido en 2016 de ofrecer en Ourense unha atención pública e de proximidade, como xa ocorre noutras provincias galegas. “Non piden máis do que xa teñen o resto de provincias de Galicia”, insistiu González, destacando a importancia de que o centro sexa público e evite a externalización de servizos en empresas privadas.

A portavoz engadiu que os futuros usuarios do CAPD, persoas con discapacidades físicas, psíquicas e sensoriais, merecen instalacións dignas e un servizo integral, que inclúa un centro residencial, un centro de día e prazas de respiro familiar, segundo o compromiso unánime das formacións políticas en 2016. “Trátase dun espazo vital para estas persoas, onde van pasar o resto da súa vida, e teñen dereito a recibir unha atención en igualdade de condicións”, afirmou.

Por outro lado, o PSdeG non conseguiu que prosperase a súa proposta para que o alcalde revogase a restrición horaria nos parques e instalacións deportivas municipais ao aire libre, debido ao voto en contra de DO e á abstención do PP. González criticou a decisión unilateral do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, alegando a falta de informes que a avalen e de efectivos suficientes na Policía Local para aplicar a medida. A portavoz socialista considerou “incomprensible” que decisións deste tipo non sexan consensuadas co resto de grupos e coa veciñanza, lembrando que o adecuado sería acompañalas con alternativas e información clara sobre a súa implementación.

No tocante ao servizo de transporte urbano, a edil Alba Iglesias, de Xuventudes Socialistas, recriminou ao alcalde a falta de atención á deterioración do servizo. “Convido ao alcalde a subir nun bus urbano e vivir a frustración da veciñanza que depende do transporte público. Estamos peor que nunca", criticou.

0.15924406051636