O Pleno de Ourense dá luz verde a dúas mocións socialistas centradas no apoio ás familias e na diversidade

OurenseXa
Ambas propostas foron aprobadas por unanimidade na sesión deste venres
grupo-municipal-socialista
8 May 2026

O grupo municipal do PSdeG en Ourense conseguiu o respaldo do Pleno ordinario deste mes para dúas iniciativas centradas no reforzo das políticas sociais e na convivencia, ambas aprobadas pola Corporación municipal.

A portavoz socialista, Natalia González Benéitez, defendeu a posta en marcha dun Plan Municipal de Apoio á Natalidade e ás Familias, nun contexto marcado pola baixa natalidade, o envellecemento da poboación e a perda continuada de habitantes na cidade. Segundo sinalou, a proposta pretende dotar ao Concello de ferramentas propias para apoiar ás familias e favorecer que “desenvolver un proxecto de vida en Ourense sexa unha opción viable”.

O plan recolle medidas como axudas por nacemento ou adopción, a ampliación da oferta de educación infantil de 0 a 3 anos, a creación de servizos municipais de apoio á infancia e ás familias, así como accións destinadas a mellorar a conciliación e a corresponsabilidade. Os puntos da moción foron aprobados cos votos a favor do PP e a abstención do BNG e Democracia Ourensana.

A segunda iniciativa socialista, tamén aprobada por unanimidade, busca garantir enterramentos dignos e respectuosos coa crenza musulmá mediante a habilitación dun espazo adaptado ao rito desta relixión no municipio. A proposta responde á ausencia actual deste servizo en Ourense, unha situación que, segundo a voceira socialista, xera desigualdades e dificultades engadidas para moitas familias en momentos especialmente delicados.

A moción contempla tanto a posibilidade de adaptar un espazo existente como de habilitar un novo, así como o inicio de canles de diálogo coa comunidade musulmá para acadar unha solución axeitada. González Benéitez agradeceu o consenso acadado, destacando que “resulta fundamental para combater a discriminación, os discursos de odio e racistas e promover a inclusión de persoas que forman parte da cidade e merecen despedir aos seus seres queridos nun marco de respecto e integridade”.

Desde o grupo socialista subliñaron que ambas propostas responden a unha mesma liña de traballo: avanzar cara a unha cidade máis cohesionada, que apoie ás familias e que sitúe o respecto á diversidade como base da convivencia.

0.13076019287109