O polideportivo de Barbadás será ampliado cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros

OurenseXa
As obras, que suman máis de 1,2 millóns de euros, permitirán construír unha nova planta con ximnasio, sala polivalente e vestiarios, ademais de mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética do edificio
barbadas_proxecto
13 Aug 2026

O polideportivo municipal de Barbadás será obxecto dunha ampliación e reforma integral que contará cun investimento superior a 1,2 millóns de euros. As obras aproveitarán a cuberta do edificio actual para erguer unha nova planta que substituirá as pistas de pádel existentes por un ximnasio de 263 metros cadrados, unha sala polivalente de 130 metros cadrados e dous novos vestiarios completos con duchas. Tamén se habilitará unha zona exterior cuberta para adestramento ao aire libre e mellorarase a accesibilidade do edificio coa instalación dun ascensor e a ampliación da escaleira actual.

O proxecto contempla, ademais, diversas medidas de eficiencia enerxética, como a substitución da caldeira de gasóleo por bombas de calor de alta eficiencia, a instalación de paneis solares térmicos e a mellora do illamento térmico do inmoble. No seu conxunto, prevese reducir o consumo enerxético do polideportivo en máis dun 30 %.

A actuación conta cunha achega de máis de 612.000 euros da Xunta de Galicia, a través da convocatoria de proxectos estratéxicos do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, o que supón a metade do investimento total. Así o comprobou este mércores en Barbadás o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Calvo subliñou que este tipo de axudas a investimentos estratéxicos permite á Xunta colaborar cos concellos na execución de actuacións de especial relevancia para os municipios. Esta liña de axudas, posta en marcha en 2024, levou o Goberno galego a incrementar este ano a súa dotación ata os 10 millóns de euros, despois de que nas dúas primeiras convocatorias se destinasen máis de 16 millóns de euros a preto de 40 proxectos.

Unha vez rematadas, as obras permitirán incorporar no polideportivo novas actividades moi demandadas, como spinning, pickleball, cachibol, fitness boxing ou cross met, e posibilitarán ofrecer polo menos 20 sesións semanais adicionais de clases dirixidas. Tamén se poderá ampliar o horario da sala de musculación e liberar a pista central para incrementar o tempo dispoñible destinado ás escolas deportivas municipais e aos clubs locais.

O conselleiro destacou tamén o compromiso do Goberno galego cos concellos, xa que só o ano pasado o seu apoio permitiu impulsar preto dun milleiro de proxectos a través das distintas liñas de colaboración coas entidades locais. No caso de Barbadás, o Concello recibiu nos últimos anos máis de 1 millón de euros a través destas diferentes liñas de apoio.

0.13227891921997