O PP acusa ao PSOE de “entregarlle un cheque en branco” a Jácome e reclama a alcaldía de Ourense

A portavoz do Grupo Municipal Popular no Concello de Ourense, Ana Méndez, compareceu en rolda de prensa acompañada por varios edís do grupo para valorar a situación política aberta tras os dous plenos extraordinarios celebrados o pasado venres e a cuestión de confianza vinculada aos orzamentos presentada polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.
Méndez cualificou de “gravísimo” o acontecido e criticou a postura do PSOE, ao que acusa de facilitar o debate dunhas contas municipais que, segundo afirmou, non deberían terse tramitado. Neste sentido, asegurou que “o ocorrido o pasado venres foi gravísimo” e sostivo que os orzamentos presentan eivas formais e foron elaborados sen diálogo coa oposición nin incorporación de emendas.
A voceira popular tamén cuestionou o contido das contas municipais, ás que se referiu como “profundamente malas para a cidade”, argumentando que non responden ás necesidades de Ourense e que estarían condicionadas por intereses políticos do goberno local.
Neste contexto, anunciou que o PP “vai combater estes orzamentos por todas as vías legais e políticas ao seu alcance despois de que o PSOE lle puxera en bandexa a aprobación inicial”.
Méndez tamén se preguntou “que gañou Ourense a cambio de que os socialistas se convertesen no salvavidas político de Jácome”, e criticou que, ao seu xuízo, non se introduciran melloras no documento económico respecto a exercicios anteriores.
A portavoz insistiu en que “o PSOE decidiu entregarlle un cheque en branco a Gonzalo Pérez Jácome sen esixir nin unha soa mellora para a cidade”.
En relación a unha posible moción de censura, a representante popular sinalou que o PP non participará en ningunha negociación que non parta, segundo indicou, do recoñecemento do seu papel. Neste sentido afirmou que “o Partido Popular debe ostentar á alcaldía de Ourense”.
Así mesmo, subliñou que “o PP é a forza maioritaria da oposición e a principal forza política da provincia e de Galicia”, engadindo que calquera alternativa ao actual goberno debería respectar ese liderado.
Finalmente, a portavoz asegurou que o grupo popular manterá unha actitude de responsabilidade e disposición ao diálogo sempre que, segundo indicou, se prioricen os intereses da cidade por riba das estratexias partidistas.