O PP de Ourense denuncia que o novo curso universitario comeza coa mesma falta de conexión en transporte público entre a cidade e o Campus

A portavoz do Grupo Municipal Popular no Concello de Ourense, Ana Méndez Gil, denunciou que o inicio do novo curso universitario volve evidenciar a falta dunha conexión axeitada entre a cidade e o Campus, un problema que a súa formación asegura levar reclamando durante todo o mandato e que xa advertira no curso pasado.
Segundo indicou a portavoz popular, resulta "incomprensible" que Ourense conte cun campus universitario en crecemento, que recibe cada ano máis estudantes, e que a súa conexión co centro da cidade dependa dunha única liña de autobús, cun único percorrido e cunha frecuencia que, ao seu entender, non responde ás necesidades reais de quen a utiliza.
Méndez Gil explicou que os estudantes atopan dificultades tanto para chegar ao Campus como para regresar á cidade, así como para coller o tren ou para facer coincidir os seus horarios de clase cos do transporte público, algo que cualificou de "inadmisible". A isto engádese, segundo apuntou, a situación dos estudantes procedentes do contorno rural de Ourense, que necesitan combinar varias liñas para poder chegar ás súas aulas.
Para o Partido Popular, este escenario evidencia de novo a improvisación e a falta de planificación coa que, segundo denuncian, se levou a cabo a reforma do transporte público municipal. A portavoz insistiu en que as liñas de autobús "non se poden deseñar facendo debuxos nun despacho", senón que deben trazarse coñecendo como se move realmente a cidade, escoitando aos usuarios e contando con técnicos e profesionais que permitan deseñar un servizo eficaz.
Neste sentido, a portavoz popular reclamou ao goberno municipal que manteña unha reunión coa delegación de estudantes do Campus para coñecer de primeira man as súas necesidades e as dificultades que afrontan no seu día a día. Subliñou que os estudantes son un dos colectivos afectados polo actual modelo de transporte e que deben ser escoitados se se pretende deseñar un servizo verdadeiramente útil.
A edil considerou especialmente preocupante que a conexión co Campus non sexa, ao seu entender, unha prioridade para o goberno local, lembrando que Ourense conta cunha universidade e con estudantes que cada mañá necesitan desprazarse ata as súas aulas, polo que defende que resulta imprescindible garantir unha conexión óptima en transporte público.
Ana Méndez Gil reiterou que o Partido Popular continuará reclamando un transporte público eficiente que conecte os barrios, o centro da cidade, o Campus, a estación de tren e tamén o contorno rural, e lamentou que cada curso se repitan os mesmos problemas de improvisación no servizo.