O PP de Ourense ratifica no Concello a súa negativa á xestión pública do CAPD

OurenseXa
A voceira socialista, Natalia González, acusa aos populares ourensáns de “covardía” por non defender “a maior reivindicación social de Ourense na ultima década”
Ana-mendez-sonia-ogando
Ana Méndez e Sonia Ogando
7 Feb 2025

O grupo municipal do PP no Concello de Ourense ratificou esta mañá durante pleno ordinario do mes de febreiro a súa oposición a que a xestión do novo CAPD de Ourense sexa pública e directa.

Os populares votaron en contra da moción presentada polo PSdeG-PSOE de Ourense, na mesma liña que o fixo fai unhas semanas a Deputación de Ourense. Os socialistas acusan ao PPdeOU de “covardía” e aseguran que “en privado avalan a xestión pública do CAPD”. “O peso político da Deputación na Xunta e na Provincia é nulo”, dixo González, asegurando que “non tiveron a valentía de defender o CAPD no Parlamento de Galicia”.

Tras este debate, o PP de Ourense ratifica a súa negativa de seguir loitando pola xestión pública do Centro de Atención para Persoas con Discapacidade de Ourense, en contra da postura que viñan mantendo ata comezos deste ano.

González fixo fincapé en que esta é “a maior reivindicación social de Ourense na ultima década” e lamenta a postura do PP de Ourense, que “deixa de lado ás familias”.

A moción, que aprobase co apoio do BNG, solicita instar á Administración local a esixir da Deputación o cumprimento dos compromisos adquiridos e ratificar a xestión pública e directa do CAPD de Ourense, “tal e como foi subscrito pola unanimidade dos grupos políticos con representación na Corporación Provincial na moción conxunta aprobada no Pleno do 20 de decembro de 2024”. Tamén reclama que o Concello de Ourense esixa á Administración provincial a activa defensa dos intereses da súa veciñanza para que adopte as medidas de presión oportunas diante da Consellería de Política Social e Igualdade con vistas a desbotar a apertura do proceso de licitación da xestión do centro.

Por último, tamén recolle a iniciativa instar ao Concello de Ourense para esixir, á maior brevidade, a celebración dun encontro entre a conselleira de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e integrantes da plataforma ProCAPD, grupos políticos con representación na Deputación de Ourense e o presidente da Corporación Provincial.

0.17822408676147