O PP de Ourense reclama ao Goberno central que desbloquee a baixada do IVE para perruquerías e salóns de estética

Os senadores do Partido Popular por Ourense, Rosa Sánchez Gándara e Francisco José Fernández, pediron esta xoves ao Executivo socialista que remate coa parálise parlamentaria que sofre a proposta lexislativa orientada a restablecer o tipo reducido do IVE (10 %) para os servizos de perruquería, barbería e estética.
Ambos os dous compareceron xunto a María José Rocholl, presidenta da asociación de empresarios de perruquería e estética ourensá, quen expuxo a situación de fraxilidade económica que atravesan numerosos negocios do sector a causa da suba de custos e dunha carga tributaria que, segundo explicou, pon en risco a súa continuidade.
Segundo denunciaron os representantes populares, a iniciativa —trasladada dende o Senado á Cámara Baixa en novembro de 2023— continúa estancada no trámite de emendas dende decembro dese ano, con ata 97 ampliacións sucesivas do prazo.
Sánchez Gándara sostivo que, transcorrido ese tempo, non existen xustificacións para seguir dilatando o proceso e reclamou que se permita o avance, debate e votación do texto. A senadora lembrou ademais que esta mesma reivindicación xa se plantexou no Pleno do Senado en abril, cando as prórrogas superaban as 87, un número que en catro meses medrou ata as 97, o que ao seu xuízo confirma a intención do Goberno de manter bloqueada a proposta.
Un sector con maioría de autónomas
Os senadores destacaron que a medida afecta sobre todo a autónomos, microempresas e negocios de carácter familiar. De acordo cos datos achegados, preto do 94 % dos postos de traballo do sector están ocupados por mulleres, arredor do 80 % dos profesionais traballa por conta propia e os establecementos contan de media con apenas 2,1 empregados.
Fernández remarcou a relevancia destes comercios no ámbito rural ourensán, onde constitúen tanto unha fonte de emprego como un servizo próximo para unha poboación de idade avanzada e dispersa xeograficamente. Advertiu de que cada peche implica perda de actividade económica e dun servizo esencial para moitas persoas maiores.
Pola súa banda, Rocholl detallou que os profesionais do sector afrontan incrementos na electricidade, os produtos, os alugueiros, os salarios e as cotizacións, con marxes de beneficio cada vez máis axustadas. Considerou que recuperar o tipo reducido non constitúe ningunha vantaxe especial, senón unha necesidade para preservar os negocios e os postos de traballo existentes.
Novas preguntas ao Executivo
Os senadores do PP anunciaron a presentación dun novo conxunto de preguntas parlamentarias dirixidas ao Goberno e ao Ministerio de Facenda, coas que buscan coñecer cantos peches de establecementos poderían terse evitado na provincia de aplicarse o tipo reducido do 10 %, así como a súa repercusión sobre o emprego e a viabilidade das empresas.
Tamén solicitan información sobre as consecuencias sociais e económicas que tería a desaparición destes servizos nos municipios pequenos, e sobre a capacidade real das microempresas para seguir absorbendo o aumento constante de custos fiscais, laborais e operativos.
Por último, preguntan que medidas prevé adoptar o Executivo para desbloquear a tramitación parlamentaria e se está disposto a comprometerse a non ampliar de novo o prazo de emendas.
Sánchez Gándara e Fernández concluíron que non resulta coherente reivindicar o apoio a autónomos e pemes mentres se mantén detida durante case tres anos unha iniciativa que afecta directamente á súa continuidade. Os senadores resumiron a súa petición en tres puntos: o cesamento das prórrogas do prazo de emendas, a reanudación inmediata da tramitación no Congreso e a recuperación do tipo reducido do 10 % de IVE.