O PP de Ourense reclama un plan integral de finalización e transparencia para as obras da Avenida de Portugal

O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao pleno ordinario de setembro unha moción na que reclama ao goberno local que garanta a finalización completa das obras da Avenida de Portugal e que ofreza a máxima transparencia sobre os traballos que se están a desenvolver actualmente.
Os traballos comezaron en maio de 2025 cun prazo de execución previsto de dez meses, pero máis dun ano despois a actuación segue sen rematar. A portavoz popular, Ana Méndez Gil, denunciou que veciños e comerciantes da zona seguen a soportar as consecuencias dunha obra que debería estar rematada hai meses e que, segundo sostén, aínda carece dun horizonte claro de finalización.
O PP lembra que en marzo de 2026 se paralizaron os traballos que executaba a empresa Opain, nun contexto de problemas de pagamentos e dun posterior conflito contractual. Ante esa situación, o Concello optou por unha actuación de emerxencia para asegurar a seguridade da zona e permitir a continuidade de determinados traballos, encomendados á empresa Misturas. Segundo os populares, en xuño aínda non existía unha data pública de finalización integral e, aínda que os traballos continuaron durante agosto, residentes e comerciantes seguían a reclamar certeza sobre os prazos.
A moción do PP pide, en primeiro lugar, que o goberno municipal presente nun prazo máximo de vinte días un informe completo sobre o estado técnico, contractual, económico e financeiro da obra, co porcentaxe de execución, as actuacións pendentes, os contratos vixentes e os condicionantes para completar o proxecto.
Os populares reclaman tamén un calendario técnico de finalización por tramos e fitos, que especifique que actuacións quedan por executar, que instrumento contractual se empregará en cada caso e cales son as datas previstas de inicio e remate. A iso suman a esixencia dun cadro económico consolidado que reflicta o custo real da obra, as certificacións emitidas e pagadas, os importes pendentes, o custo das actuacións de emerxencia e o investimento necesario para culminar a humanización, así como a situación dos fondos europeos vinculados ao proxecto.
Outro dos puntos centrais da iniciativa é a esixencia de trazabilidade dos traballos executados pola vía de emerxencia, identificando para cada unidade de obra os informes e ordes que a amparan, a súa localización, medición, valoración, facturación e pagamento.
A moción inclúe ademais medidas para reforzar a seguridade e a accesibilidade da zona, garantir a información a veciños e comercios a través dunha canle municipal actualizada, e crear unha mesa de seguimento mensual ata a recepción definitiva da obra. Así mesmo, o PP pide que o Concello cumpra o acordo plenario de abril de 2026 sobre o Plan Municipal de Compensación Fiscal e Axudas ao pequeno comercio afectado polas obras, presentando unha proposta concreta de medidas de apoio aos negocios da zona.
Para o grupo popular, a Avenida de Portugal non pode seguir instalada en paralizacións, anuncios, solucións provisionais e prazos incumpridos. "Non cuestionamos que haxa que solucionar a Avenida de Portugal; ao contrario, queremos que se remate canto antes. O que pedimos é transparencia, unha saída ordenada, segura e verificable, reducir o dano á actividade económica e facer posible o control democrático dunha actuación financiada con fondos públicos", sinalou Méndez Gil, quen insistiu en que veciños e comerciantes o que precisan agora é coñecer a verdade, saber que se está a facer e dispoñer dunha data certa para recuperar a normalidade na avenida.