O PP denuncia a falta de resposta do Goberno sobre o avance das obras da estación intermodal de Ourense

Os deputados populares ourensáns Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana reclaman explicacións ao Goberno central e a Adif Alta Velocidade sobre o estado das obras da estación intermodal de Ourense, ao considerar que se está a producir unha falta de transparencia sobre o seu desenvolvemento.
Segundo explican, os parlamentarios rexistraron o pasado 12 de maio de 2026 varias preguntas no Congreso co obxectivo de coñecer o detalle das actuacións executadas, o importe certificado pola UTE adxudicataria e as previsións de inicio de distintas intervencións previstas no proxecto.
En concreto, pedían información sobre a relación detallada das obras realizadas no ano 2025 e nos catro primeiros meses de 2026, así como o importe certificado ata a data. Tamén solicitaban aclaracións sobre cando comezarían as obras de ampliación do edificio de viaxeiros, a remodelación do vestíbulo, o novo paso elevado accesible e a pasarela peonil cuberta que conectará A Ponte e O Vinteún.
O 17 de xuño de 2026, o Goberno respondeu indicando que as obras do contrato de execución da nova estación intermodal e da pasarela peonil se iniciaron en novembro de 2024, cun orzamento de 111,7 millóns de euros e un prazo de execución de 72 meses.
Na resposta tamén se detallan algunhas das actuacións previstas, como a ampliación e remodelación do edificio de viaxeiros, que triplicará o seu espazo ata os 1.340 metros cadrados, a creación dunha nova sala de embarque acristalada, a reforma da praia de vías e a construción de novos andéns.
Así mesmo, recóllese a previsión dunha nova pasarela urbana peonil e a integración da estación de autobuses e do aparcadoiro subterráneo no complexo intermodal, ambos xa finalizados segundo a información achegada.
Os populares critican, con todo, que a resposta non concreta cuestións como o detalle das obras executadas pola UTE, o importe certificado ou o calendario de inicio de varias actuacións específicas. Ao seu xuízo, trátase dunha contestación “xenérica” que non responde ás preguntas formuladas.
No texto difundido, os deputados tamén lembran que o 12 de decembro de 2025 o Goberno informou de que o importe certificado ata ese momento ascendía a 2,9 millóns de euros, o que suporía, segundo os seus cálculos, unha execución do 2,59 % dun contrato valorado en 111,75 millóns de euros.
Os populares consideran que este ritmo de execución confirma que as obras avanzan “moi lentamente” e critican o prazo de execución fixado, que cualifican de “elevadísimo”.
Finalmente, reclaman a activación das actuacións pendentes na estación intermodal de Ourense e cuestionan a falta de información sobre o desenvolvemento do proxecto, ao que se referen como un caso de escasa concreción na resposta parlamentaria por parte do Goberno e de Adif-AV.