O PP denuncia a total desconexión do Concello de Ourense co sector turístico
O Grupo Municipal Popular denuncia unha total desconexión do Concello de Ourense co sector turístico nun momento no que as cifras de turistas que chegan a Ourense presentan unha tendencia á alza. “Ourense non está adaptado para o turismo e dende que o alcalde chegou ao goberno non se fixo ningunha instalción turística”, critica a edil, Ana Méndez.
O PP lamenta ademais que o principal motor turístico da cidade, os espazos termais, están totalmente desatendidos e abandonados. “As termas do Muíño da Veiga, non se limparon dende a súa apertura o 26 de xuño polo que os turistas e cidadáns que se atreven a meterse na auga, báñanse entre sucidade”, asegura a concelleira. “Tampouco hai mantemento no resto de espazos termais, nos paseos fluviais, que están cheos de maleza, nin nos baños públicos utilizados con asiduidade polos turistas”, continúa a popular.
Por outra banda os populares denuncian tamén a falta de mantemento da fonte das Burgas, un lugar visitado por todos os turistas. “A fonte límpase con moi pouca frecuencia e agora púxose de moda tirar moedas dentro que provocan que a auga se contamine”, indica Ana Méndez. Neste senso, a edil destaca que “é importante que se limpe con maior frecuencia e que se coloque un cartel no que se prohiba tirar moedas”.
En relación co tren turístico, o Partido Popular critica a falta de información e prestación do servizo. “Está constantemente avariado e son os turistas os que teñen que chamar cada mañá á Oficina de Turismo para saber se hai servizo e cal é o horario do día”, denuncia a edil. “Outros esperan na Praza Maior a un tren que nunca chega porque os días que hai o servizo é un autobús urbano que sae da Alameda, pero o alcalde non foi capaz de actualizar a páxina web das liñas de autobuses”, engade.
Por último, o PP fíxose eco dunha problemática que existe cos autocares de turistas que fan parada na dársena da Alameda. “Ese espazo é só para autobuses urbanos, pero pola falta doutro espazo vénse obrigados a parar na Alameda, polo que se xera un caos entre os pasaxeiros dos autocares e os buses urbanos”, indica a concelleira. “É preciso que se lle habilite un lugar para estacionar no centro”, asegura Ana Méndez.
“Mentres o alcalde se vanagloria en redes sociais de que non deixan de chegar turistas, a imaxe coa que se van da nosa cidade é deplorable”, conclúe a edil.