O PP ourensán constitúe o Comité de Campaña das eleccións europeas

OurenseXa
O comité encargarase de establecer as liñas estratéxicas para este novo proceso electoral, cuxa campaña comezará ás 00.00 horas do 24 de maio
IMG_6977
IMG_6977
1 may 2024

O Partido Popular de Ourense vén de constituír o Comité de Campaña para as eleccións europeas do próximo 9 de xuño, nunha nova convocatoria ás urnas na que a formación popular márcase como obxectivo “a consolidación da crecente confianza do electorado ourensán”, afirma Luis Menor, presidente provincial e do citado órgano electoral, que estará dirixido por Sandra Quintas.

Luis Menor pide aos cargos do partido e á militancia “unha dose máis de compromiso e entusiasmo para conseguir que os votos populares sexan o contrapeso que necesitamos para evitar que a deriva de Sánchez nos leve ao caos”.

No Parlamento Europeo, engade o líder dos populares ourensáns, deféndense valores como o respecto, a liberdade, a democracia, a igualdade ou o Estado de Dereito, razóns máis que suficientes “para tratar de conseguir o maior número de eurodeputados de entre os 61 representantes que lle corresponden a España”.

Conseguir unha ampla representación do PP nestas eleccións, asegura, “axudaría a poñer freo á deriva autoritaria de Sánchez, aos seus caprichos e espectáculos e comezar a centrarnos nos que verdadeiramente importante, que é a cidadanía”.

Neste Comité de Campaña Luis Menor repite a fórmula “que nos permitiu ter unha presenza territorial continua e intensa en toda a provincia durante a pasada campaña das autonómicas”, en referencia á participación dun representante por cada unha das doce comarcas da provincia.

O comité encargarase de establecer as liñas estratéxicas para este novo proceso electoral, cuxa campaña comezará ás 00.00 horas do 24 de maio y rematará ás 24 horas do 7 de xuño, co día 8 para a xornada de reflexión e o domingo 9 para as votacións.