O PP sinala que o tramo Eirasvedras-Quintela da variante norte de Ourense acumula catro anos de atraso sen data de finalización

Os deputados ourensáns do Partido Popular no Congreso, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, sinalan que o tramo Eirasvedras-Quintela da variante norte de Ourense, integrado na A-56, acumula catro anos de atraso dende a colocación do seu fito conmemorativo sen que o Goberno comprometese unha data de finalización.
Este mércores 16 de setembro cúmprense, precisamente, catro anos dende aquel acto simbólico que marcou o inicio do primeiro tramo da variante norte, no sector comprendido entre Eirasvedras e Quintela, e que contou coa presenza da daquela secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera.
O proxecto fora adxudicado polo Ministerio de Transportes en marzo de 2022 á unión temporal de empresas formada por COPASA e Ferrovial, por un importe de 29,3 millóns de euros, cun prazo de execución previsto de 30 meses. O comezo oficial dos traballos fixouse para xuño dese mesmo ano. Porén, distintas paralizacións atrasaron o arranque real da maquinaria ata outubro de 2024, é dicir, case dous anos e medio despois do previsto.
Os representantes populares veñen reclamando periodicamente información sobre o estado do proxecto mediante iniciativas parlamentarias. A última delas, rexistrada o pasado mes de xuño, incluía varias preguntas ao Executivo: en que data se estima que concluirán as obras, cal é a súa porcentaxe de execución actual, que cantidades se aboaron ata o momento á empresa adxudicataria e cando se iniciarán os traballos correspondentes ás obras singulares do tramo, entre elas o viaduto sobre a N-120 e a liña ferroviaria Monforte de Lemos-Vigo, a nova ponte sobre o río do Porto e os dous pasos inferiores previstos no enlace de Quintela.
A resposta do Goberno, recibida o 8 de setembro, limitouse a confirmar que as obras se atopan actualmente en execución, sen achegar máis detalles sobre os aspectos concretos que se solicitaran.
O PP considera que esta contestación resulta insuficiente, ao non incluír información sobre o grao de avance dos traballos, as cantidades xa desembolsadas nin unha previsión sobre o inicio das obras singulares ou a data estimada de finalización. Os deputados cualifican esta falta de resposta como un desprezo cara aos ourensáns, que consideran teñen dereito a coñecer o estado dunhas obras financiadas con fondos públicos.
Segundo lembran, xa transcorreron 48 meses dende a colocación da primeira pedra e 51 dende o inicio formal das obras dun tramo de apenas 1,7 quilómetros, cuxa execución continúa sen visos de conclusión e que acumula un atraso de 21 meses sobre o prazo contractual inicialmente previsto.
Este tramo incorpora varias actuacións de especial complexidade técnica: un viaduto sobre a N-120 e sobre a liña ferroviaria Monforte de Lemos-Vigo, coñecido como viaduto de Quintela; unha nova ponte sobre o río do Porto; e dous pasos inferiores no enlace de Quintela, un baixo o tronco principal e outro baixo un dos ramais, que posibilitará o cruzamento dese ramal sobre a liña férrea.
A esta situación súmase, segundo sinala o PP, a falta de avances na licitación do segundo tramo da variante norte, sen o cal o tramo Eirasvedras-Quintela carecería de utilidade práctica ao non dar continuidade viaria ata A Casilla. Esta situación súmase ás críticas recentes dos senadores lucenses do PP, que tamén denunciaron unha situación de práctica paralización no conxunto da autovía A-56.