O presidente da Deputación recibe a Noel Piñeiro e Thiago Paz, campión e subcampión de España de K1 infantil

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu no Pazo Provincial ao campión e subcampión de España na modalidade de K1 infantil A – 3000 metros, Noel Piñeiro e Thiago Paz, respectivamente, nun encontro no que estiveron acompañados por responsables e membros do Club de Piragüismo Ourense e polas súas familias.
Á reunión asistiron o presidente, o vicepresidente e o adestrador do club, Jorge Varela, Luis Manuel Iglesias e Raúl Feijóo, ademais dos pais dos deportistas, Raúl Piñeiro e Pablo Paz.
Durante o acto, Menor felicitou aos dous padexeiros polo seu resultado e referiuse a eles como un “podio ourensán”, destacando o orgullo que “sentimos na provincia” de que “o ouro e a prata nacional falen galego e teña selo ourensán”.
O presidente provincial puxo en valor o traballo dos deportistas e sinalou o compromiso da Deputación co deporte de base, asegurando a vontade de estar “á altura de deportistas inspiradores como Noel e Thiago que non só son o futuro da provincia, senón que xa teñen un presente brillante, froito do traballo, da disciplina e do compromiso”.
Menor tamén destacou o piragüismo como “o noso deporte por excelencia grazas á riqueza fluvial” e cualificou o feito de contar cos dous mellores padexeiros do país como “un fito histórico que demostra que somos unha provincia imbatible sobre a auga”.
No ámbito do apoio ao deporte, a Deputación de Ourense incrementou neste mandato as axudas a clubs deportivos, pasando de 350.000 a 550.000 euros, así como as destinadas a deportistas individuais, que aumentaron de 30.000 a 50.000 euros.