O presidente provincial recibe aos campións mundiais da FEDDI

OurenseXa
Martín Fernández e Alejandro Montero, acompañados do director deportivo do Club La Purísima e o seleccionador nacional, Alfredo González, foron recibidos na Deputación
menor-deportistas-feddi
21 Apr 2026

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu este luns no Pazo Provincial aos deportistas Martín Fernández e Alejandro Montero, recentemente proclamados campións do mundo FEDDI. No encontro tamén participaron o director deportivo do Club La Purísima e o seleccionador nacional, Alfredo González, quen agradeceron o apoio recibido por parte da institución provincial ao seu proxecto deportivo.

Durante a recepción, Menor destacou a importancia destes logros para a provincia, expresando o seu “o máximo orgullo” polo feito de que ambos atletas leven o nome de Ourense ás competicións internacionais. Subliñou ademais que representan “dous campións” que evidencian que a provincia conta con “un alto nivel deportivo” e, ao mesmo tempo, con deportistas que requiren máis apoio institucional “porque o teñen máis difícil”.

O presidente provincial tamén puxo en valor o traballo do club e do equipo técnico que acompaña aos deportistas, sinalando o labor dos adestradores e do propio Club La Purísima, “no que se están a criar e crecer deportivamente estes xogadores”. Nese contexto, quixo facer un recoñecemento específico ao conxunto do deporte adaptado e inclusivo, lembrando que desde a institución “materializamos a través dunha importante partida a prol do deporte inclusivo que chega a moitos ámbitos”.

O Club La Purísima volveu destacar no panorama internacional grazas aos seus resultados: Martín Fernández proclamouse campión do mundo no relevo 4x400 no mundial Virtus celebrado en Expourense, mentres que Alejandro Montero acadou o título mundial de 10 quilómetros por equipos nunha competición disputada nas Azores.

Pola súa parte, Martín mostrou a súa intención de seguir competindo ao máis alto nivel e afirmou o seu desexo de “volver a outro mundial e a outro europeo”. Alejandro, pola súa banda, agradeceu o apoio institucional recibido e o traballo do seu equipo técnico, asegurando que sen “eles non sería posible” acadar estes resultados.

0.13335800170898