O programa 'Luz Pozo Garza' trae unha sesión gratuíta de ioga e pilates terapéutico a Ramirás o 7 de outubro

O Centro Sociocultural O Picouto, en Ramirás, será o escenario, o vindeiro día 7 de outubro, ás 18.00 horas, dunha sesión de ioga e pilates terapéutico aberta a mulleres de tódalas idades. A actividade enmárcase dentro do programa 'Luz Pozo Garza', unha iniciativa orientada ao empoderamento feminino que se desenvolve de xeito conxunto nos concellos de Barbadás e Ramirás.
A proposta busca ofrecer un espazo de benestar físico e persoal a través destas dúas disciplinas, combinando exercicios de mobilidade e relaxación cun enfoque terapéutico. A inscrición e a asistencia son gratuítas.
A iniciativa está organizada polos concellos de Barbadás e Ramirás, coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade. O programa conta, ademais, con cofinanciamento da Unión Europea, dentro das subvencións destinadas a entidades locais da comunidade autónoma para a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero. Segundo se indica, esta liña de axudas ten como obxectivo previr a violencia machista e mellorar a situación das vítimas e das mulleres en situación de vulnerabilidade.
As persoas interesadas en apuntarse ou en obter máis información poden dirixirse ao seu municipio ou contactar a través do teléfono de WhatsApp habilitado para este fin, o 685 21 18 82.