O proxecto Re-Habilita Rural Lab logra resolver máis de 50 consultas sobre xeolocalización e mapeo de vivendas na primeira semana

OurenseXa
Entre as principais conclusións, destaca que o 74% das vivendas analizadas precisan reformas importantes ou se atopan en estado de ruína, o que evidencia a necesidade de actuacións neste ámbito
reunion-proxecto-rehabilitate-rural-lab
25 Apr 2026

O proxecto Re-Habilita Rural Lab, unha iniciativa de innovación centrada na rehabilitación do patrimonio rural para o seu destino ao alugueiro social, especialmente orientado a mulleres, vén de completar a súa primeira semana de funcionamento con máis de medio centenar de consultas atendidas.

Nesta iniciativa participan os concellos de San Xoán de Río, Porqueira, Boborás, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo, Oímbra, Esgos, Taboadela e Coles. Nun dos primeiros encontros de seguimento estiveron presentes representantes da maioría destes municipios, xunto coa consultora responsable do proxecto, Eva Castro.

Unha das primeiras actuacións postas en marcha foi o servizo de xeolocalización e mapeo de vivendas, unha ferramenta clave para identificar inmobles susceptibles de ser rehabilitados e incorporados a unha futura bolsa de alugueiro social.

O obxectivo principal do programa é precisamente crear esa bolsa de vivendas destinada prioritariamente a mulleres, co fin de favorecer a súa autonomía e o asentamento da poboación no medio rural. Desde a iniciativa destacan que “as mulleres son o alicerce fundamental para fixar poboación e dinamizar a economía local”.

Neste contexto, a empresa EIBISA, encargada do sistema de xeolocalización e análise, explicou que o traballo técnico permitirá cruzar información de vivendas dispoñibles cunha plataforma inmobiliaria rural, co fin de mellorar a identificación de inmobles aptos para alugueiro ou compra.

Ademais, o proxecto conta cun servizo de asesoramento xurídico e técnico presencial que comezou a funcionar en abril, dirixido tanto a propietarios como a persoas interesadas en acceder a estas vivendas.

Segundo os datos recompilados nas primeiras xornadas nos nove concellos, xa se atenderon 55 consultas técnicas. Entre as principais conclusións, destaca que o 74% das vivendas analizadas precisan reformas importantes ou se atopan en estado de ruína, o que evidencia a necesidade de actuacións neste ámbito.

En canto ás demandas da veciñanza, o 51% das consultas están relacionadas con axudas públicas, mentres que un 21% se centran en cuestións xurídicas como herdanzas ou rexistros. Así mesmo, o 60% das persoas propietarias xa se formula o alugueiro ou a venda das súas vivendas como opción de futuro.

0.12014698982239