O PSdeG Barbadás saca adiante as súas medidas sobre perspectiva de xénero na saúde e un plan de pacificación do tráfico

OurenseXa
As socialistas valoran moi positivamente o respaldo unánime da corporación a ambas iniciativas, que consideran “un paso importante para construír un Barbadás máis xusto, máis seguro e adaptado ás necesidades da súa veciñanza”
concelleiras-psoe-barbadas
15 Apr 2026

O PSdeG-PSOE de Barbadás conseguiu o respaldo unánime da corporación municipal no último pleno ás dúas mocións presentadas polo grupo socialista, centradas na incorporación da perspectiva de xénero nas políticas públicas de saúde e na posta en marcha dun plan de pacificación do tráfico no municipio.

A concelleira Ana Belén Peleteiro foi a encargada de defender a iniciativa relacionada coa saúde, na que se pon o foco na necesidade de corrixir os desequilibrios existentes na investigación biomédica e no deseño das políticas sanitarias, tradicionalmente baseadas no corpo masculino. Segundo se expuxo na proposta, esta realidade provocou durante anos lagoas no coñecemento da saúde feminina, con consecuencias como diagnósticos tardíos ou tratamentos menos axeitados.

Durante a súa intervención, Peleteiro subliñou que “é imprescindible corrixir esta desigualdade histórica e avanzar cara a un sistema sanitario que teña en conta as diferenzas reais entre mulleres e homes”, e defendeu que incorporar esta visión “non é unha cuestión ideolóxica, senón de rigor científico e de xustiza social”. Tamén se recolleu a súa afirmación de que “é imprescindible corrixir esta desigualdade histórica e avanzar cara a un sistema sanitario que teña en conta as diferenzas reais entre mulleres e homes”.

A moción aprobada insta ás administracións a adoptar medidas como a mellora da recollida de datos desagregados por sexo, o impulso da investigación sobre enfermidades que afectan especificamente ás mulleres e a formación do persoal sanitario. Ademais, recóllese o papel dos concellos en tarefas de prevención e promoción da saúde mediante accións de sensibilización e educación sanitaria.

A segunda iniciativa, defendida pola voceira socialista Victoria Morenza, propón a elaboración e posta en marcha dun plan de pacificación do tráfico co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, especialmente en zonas con alta circulación peonil e de vehículos.

Morenza destacou que con estas medidas búscase “dar unha resposta integral a unha demanda real da cidadanía”, apostando pos desprazamentos seguros, “especialmente os colectivos máis vulnerables como a infancia e as persoas maiores”. Engadiu ademais que “a pacificación do tráfico non só mellora a seguridade viaria, senón que contribúe a crear contornas máis habitables, con menos ruído, menos contaminación e maior calidade de vida”.

O plan inclúe medidas como o reforzo da sinalización con límites de 30 km/h, a renovación da sinalética existente, o incremento da visibilidade en calzada, a instalación de pasos de peóns elevados e elementos redutores de velocidade, así como melloras na iluminación de cruces e pasos de peóns. Tamén contempla actuacións en zonas sensibles e posibles reorganizacións do tráfico en puntos conflitivos.

Desde o PSdeG-PSOE de Barbadás valoraron de forma positiva o apoio unánime recibido, que consideran “un paso importante para construír un Barbadás máis xusto, máis seguro e adaptado ás necesidades da súa veciñanza”. O grupo municipal reafirmou o seu compromiso de seguir impulsando iniciativas centradas no interese xeral e na mellora da calidade de vida da cidadanía.

0.13024497032166