O PSdeG da Merca pide a reprobación do alcalde e denuncia presuntas irregularidades na xestión dunha residencia

OurenseXa
Os socialistas acusan o rexedor de falta de transparencia, critican o seu comportamento no último pleno e aseguran que seguirán fiscalizando a acción do goberno municipal
carlos-sousa-denuncia-alcalde-a-merca
16 Jul 2026

O Grupo Municipal Socialista da Merca presentou no último pleno unha moción para solicitar a reprobación do alcalde por considerar que existe unha falta de ética política na xestión dos seus intereses públicos e privados. A iniciativa tamén reclamaba a súa comparecencia pública e a achega de documentación para aclarar unha serie de feitos que, segundo o PSdeG-PSOE, presentan “graves indicios de irregularidades”.

O portavoz socialista, Carlos Sousa, explicou que a moción responde á obriga da oposición de controlar e fiscalizar a acción do goberno municipal cando existen cuestións que, ao seu xuízo, afectan á transparencia institucional e á confianza da cidadanía.

Durante o debate plenario, o grupo socialista puxo o foco na concesión da xestión dunha residencia de maiores no concello da Bola á empresa Consultorio Médico San Rosendo S.L., propiedade, segundo indica, do alcalde da Merca.

Segundo Carlos Sousa, existen indicios de que o procedemento puido basearse nunha operación de “enxeñaría contable” que reduciría o valor estimado do contrato de máis de 25 millóns de euros a 257.000 euros. Os socialistas sosteñen que esa modificación evitaría a publicación da licitación no Diario Oficial da Unión Europea e reduciría a garantía económica esixida.

O PSdeG tamén cuestiona outros aspectos do procedemento, entre eles un sobrecusto superior ao 50 % respecto do orzamento inicial das obras, a concesión de puntuacións que, segundo afirma, non figuraban nos pregos da contratación, unha posible colisión de intereses pola condición do rexedor como médico do Sergas e o veto do goberno local á creación dun centro de día público na Merca.

“Estamos ante feitos que requiren explicacións públicas e documentación clara. A transparencia non pode depender da vontade do alcalde nin da maioría absoluta do Partido Popular”, afirmou Sousa.

Os socialistas tamén criticaron o comportamento do alcalde durante a sesión plenaria. Segundo a formación, o rexedor respondeu ás acusacións con descalificacións persoais e empregou expresións insultantes contra o Partido Socialista.

“Cando se responde con insultos en lugar de con argumentos, o que queda en evidencia é a incapacidade para rebater os feitos. Os veciños e veciñas da Merca merecen explicacións, non descualificacións”, sostivo Carlos Sousa.

O grupo da oposición asegura ademais que tivo que recorrer de forma reiterada ao Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (ROF) para garantir o seu dereito de intervención durante o pleno.

“O alcalde e o seu goberno actúan como se as sesións plenarias fosen unha reunión privada. Confunden unha institución democrática cun espazo no que poden decidir quen fala, cando fala e que se pode dicir”, manifestou o portavoz socialista.

O PSdeG tamén censurou as manifestacións realizadas pola tenente de alcalde, Josefina Carrera, durante o pleno, ao considerar que cuestionou o labor de control exercido pola oposición sobre a actividade empresarial do rexedor.

“As palabras da tenente de alcalde evidencian unha auténtica mentalidade feudal. Parece que consideran que determinados cargos públicos son intocables e que a oposición non ten dereito a pedir explicacións sobre contratacións, sobrecustos ou posibles conflitos de intereses. Nada máis lonxe da realidade”, declarou Carlos Sousa.

Os socialistas lembran que fiscalizar a acción do goberno forma parte das funcións da oposición e diferencian entre a vida privada e aquelas actuacións empresariais que afectan á contratación pública.

Carlos Sousa asegurou que o seu grupo continuará exercendo unha oposición “firme e rigorosa” fronte ao que considera prácticas incompatibles cun funcionamento democrático normal.

“O erro histórico que cometen é confundir que o de antes era a normalidade. Confunden a impunidade, o caciquismo, a opacidade e o facer o que queren coa legalidade. Esquecen que precisamente no meu caso, ao ser alguén que vén de fóra e libre das súas redes clientelares, non vou quedar caladiño ante estas barbaridades”, afirmou.

O portavoz engadiu que “vexo con claridade a decadencia institucional na que se atopa este concello. Quizais pola miña perspectiva, son máis capaz de entender o que significa a democracia e de recoñecer os danos que estes sistemas autocráticos e feudais deixaron na nosa historia. Se cren que con berros e cortinas de fume van tapar a súa xestión, equivócanse. Que o teñan moi claro: isto é só o principio”.

O Grupo Municipal Socialista tamén criticou que o alcalde intentase impedir que a moción fose votada mediante chamamento nominal de cada concelleiro, modalidade que fora solicitada pola formación.

“A nosa valoración sobre esta manobra é moi clara: se un non ten absolutamente nada que esconder, que máis dá se a votación é nominal ou non?”, sinalaron desde o PSdeG da Merca.

Os socialistas consideran que esta postura evidencia “o medo real do alcalde a perder o apoio dos seus propios concelleiros, temendo que non estivesen dispostos a dar a cara individualmente e de viva voz para ser cómplices destas barbaridades”.

0.12923097610474