O PSdeG da Merca presenta un plan para converter vivendas en estado de abandono en micro-parques diáfanos

OurenseXa
O plan, denominado “Patios de Paz” contempla un investimento anual de entre 80.000 e 100.000 euros ao longo de dez anos para actuar nas arredor de 400 vivendas baleiras que hai actualmente no municipio
rua-vivendas-a-merca
21 Apr 2026

O PSdeG-PSOE da Merca presenta unha iniciativa para transformar “radicalmente” a imaxe e a habitabilidade do municipio. O programa, bautizado como “Patios de Paz”, propón unha intervención a dez anos para actuar nunhas 400 vivendas en estado de abandono, converténdoas en micro-parques diáfanos, que respecten o legado arquitectónico e familiar da terra.

Segundo os datos analizados polo grupo municipal socialista, o desfase entre o Catastro e o INE revela que case o 45% das vivendas da Merca están baleiras ou en ruínas. “Estamos a 15 quilómetros de Ourense, pero a política de 'látigo' e inercia do PP mantennos a un século de distancia do progreso”, sinala Sousa.

O plan "Patios de Paz" contempla un investimento anual de entre 80.000 e 100.000 euros para consolidar muros, limpar parcelas con grava, instalar bancos e plantar unha magnolia en cada espazo. Ademais, cada patio contará cunha táboa informativa que relate a historia da familia que habitou a casa, recuperando así a memoria viva das parroquias.

A proposta socialista destaca pola súa seguridade xurídica. Basease nun modelo de cesión de uso por 50 anos onde o Concello actúa como “custodio” do patrimonio. “O propietario non perde a súa casa; gaña un mantemento profesional a custo cero”, explica o voceiro do PSdeG-PSOE na Merca, Carlos Sousa.

O convenio permitirá que o dono recupere a posesión de xeito inmediato se decide rehabilitar, construír de novo ou vender para uso residencial. Nese momento, o propietario só tería que abonar unha parte do investimento inicial (1.000 euros) para recibir unha parcela limpa, consolidada e lista para crear vida.

Sousa defende que esta moción é unha demostración de que outra forma de gobernar é posible, salientando que “a economía debe ser un servo do pobo e non o seu amo. Mentres o PP usa o orzamento para alimentar redes clientelares e un control administrativo obsoleto, nós propoñemos unha ferramenta de progreso compartida coas asociacións veciñais e de montes”.

O Grupo Socialista instará ao goberno local a que busque o apoio da Deputación e da Xunta para financiar este plan, que consideran “a única alternativa real para evitar que A Merca desapareza entre as silvas e o esquecemento”.

0.11982893943787