O PSdeG de Barbadás buscará alternativas para garantir a gobernabilidade no municipio

O PSdeG-PSOE de Barbadás anuncia que iniciará conversas coas distintas forzas políticas con representación municipal para explorar posibles vías que permitan garantir a gobernabilidade do Concello durante o tempo que resta de mandato.
A formación socialista adopta esta decisión despois de que Democracia Ourensana retirase o seu apoio ao alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e Daniel Rey abandonase a tenencia de alcaldía. Segundo o PSdeG-PSOE, esta situación deixa o goberno municipal reducido ao alcalde e ao concelleiro José Manuel Morgade.
As cinco concelleiras socialistas consideran que esta composición dificulta, ao seu xuízo, o funcionamento ordinario do Concello e a atención ás necesidades da veciñanza. “Respectamos as decisións que adopten o resto das forzas políticas, como non podía ser doutra maneira, pero tamén asumimos a nosa responsabilidade”, sinalan.
A formación lembra que xa en decembro de 2025 retirara o seu apoio ao goberno municipal e apunta tamén aos cambios producidos desde o inicio do mandato na composición da oposición, con dous concelleiros que inicialmente formaban parte do grupo municipal do Partido Popular que agora son non adscritos.
A voceira socialista, Victoria Morenza, afirma que “non é razoable que un goberno municipal estea dirixido practicamente por dúas persoas e pretenda afrontar con normalidade os problemas dun concello de máis de once mil habitantes”.
Ante o novo escenario, o Grupo Municipal Socialista sinala que comezará a manter contactos co resto de formacións para coñecer a súa disposición a buscar unha alternativa que permita manter a actividade municipal ata as próximas eleccións.
“Estamos aquí para buscar solucións. Non queremos deixar tirada á veciñanza de Barbadás nin permitir que o concello quede paralizado. Hai que atopar unha fórmula provisional que permita que o municipio funcione con normalidade ata que cheguen as eleccións municipais e sexa a veciñanza quen decida nas urnas”, explica Morenza.
A voceira asegura que o paso dado polo PSOE responde, segundo a formación, a un criterio de responsabilidade institucional. “Non se trata de ocupar cadeiras nin de facer unha batalla partidista. Trátase de que Barbadás teña un goberno que poida gobernar, tomar decisións e atender os problemas da cidadanía”, subliña.
Morenza engade que “ata agora intentamos que nos escoitasen e que se buscasen solucións, pero non foi así. Agora, ante a gravidade da situación, entendemos que non podemos permanecer de brazos cruzados”.
O PSdeG-PSOE reclama neste contexto “altura de miras, diálogo e responsabilidade” ás formacións con representación municipal e afirma que continuará cos contactos para buscar unha saída á situación actual.
As cinco concelleiras socialistas reivindican o papel do seu grupo como principal forza da oposición e sinalan que “é o momento de asumir responsabilidades e intentar construír unha solución para Barbadás”, coa intención, segundo explican, de garantir o funcionamento do Concello durante os meses que restan de mandato e deixar que “sexa a cidadanía quen teña a última palabra nas próximas eleccións municipais”.