O PSdeG de Barbadás impulsa a posta en valor da figura de Otero Pedrayo e a mellora do campo de fútbol e o polideportivo

O grupo socialista no Concello de Barbadás conseguiu aprobar no pleno municipal celebrado onte dúas mocións relacionadas coa promoción cultural e a mellora de instalacións deportivas, mentres que outra das súas propostas, relativa ás asistencias aos plenos, foi finalmente rexeitada.
A primeira iniciativa, centrada na figura de Otero Pedrayo, foi defendida pola concelleira Ana Belén Peleteiro e contou co apoio unánime da corporación. A proposta expón aproveitar o Ano Oteriano 2026 para impulsar actividades de difusión cultural e lingüística no municipio.
Neste sentido, Peleteiro destacou que “esta moción busca que Barbadás se implique activamente na homenaxe a unha das grandes figuras da nosa cultura, convertendo esta efeméride nunha oportunidade para achegar a literatura, a historia e o pensamento galeguista á veciñanza, especialmente á mocidade”. Engadiu ademais que se trata dunha oportunidade para reforzar o uso do galego e situalo no centro da vida cultural local.
A segunda moción aprobada refírese á mellora do campo de fútbol dos Carrís e do polideportivo municipal. A iniciativa, defendida pola concelleira Noemí Pintos, saíu adiante co apoio de todos os grupos, agás a abstención do Partido Popular. O texto recolle a necesidade de poñer en marcha un plan de mantemento integral destas instalacións deportivas.
Pintos sinalou que “falamos de instalacións moi utilizadas que precisan actuacións urxentes para garantir a súa conservación e seguridade”, e defendeu que “o deporte é unha ferramenta clave de cohesión social e saúde, e as administracións teñen a responsabilidade de ofrecer infraestruturas dignas”.
Desde o PSdeG-PSOE valoran positivamente o respaldo obtido en ambas propostas, que consideran orientadas a mellorar a vida cultural e deportiva da veciñanza.