O PSdeG de Barbadás logra aprobar as súas dúas mocións no pleno e reivindica unha oposición “útil e propositiva”

O PSdeG-PSOE de Barbadás conseguiu sacar adiante no último pleno municipal as dúas mocións presentadas polo grupo, nunha sesión na que a formación socialista destacou a súa capacidade para impulsar acordos arredor de propostas que consideran clave para o municipio.
A primeira das iniciativas, centrada na mellora de rúas, camiños e vías en diferentes parroquias e núcleos de poboación, foi aprobada por unanimidade. A proposta contempla actuacións orientadas a mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a humanización dos espazos públicos, ademais de contribuír á cohesión territorial. A portavoz socialista, Victoria Morenza, sinalou que “o pleno de onte demostrou que o PSdeG-PSOE de Barbadás está a marcar a axenda política do municipio con propostas concretas, traballadas e pensadas para mellorar a vida da veciñanza”.
Na mesma liña, engadiu que “a aprobación por unanimidade desta moción é unha mostra de que as necesidades reais dos veciños e veciñas están por enriba das siglas”.
A segunda moción, defendida pola concelleira Marga Pérez, buscaba reforzar o apoio municipal ao comercio local e á hostalaría. A proposta saíu adiante co respaldo da maioría da corporación, coa única abstención do concelleiro do Partido Galego. Entre as medidas recollidas inclúense a creación dunha mesa de traballo co sector, campañas de promoción do consumo de proximidade e accións para a modernización e dinamización dos pequenos negocios.
Pérez destacou que “o PSOE volveu poñer enriba da mesa un tema fundamental para o futuro económico do concello e conseguiu sumar unha ampla maioría arredor de medidas útiles e realistas”.
Desde o grupo socialista subliñan que o resultado do pleno reforza o seu compromiso cunha oposición baseada na elaboración de propostas e na busca de consensos, fronte a unha dinámica centrada no confronto político. Neste sentido, insisten en que seguirán traballando desde a proximidade coa veciñanza para levar iniciativas ao pleno que contribúan a un Barbadás máis dinámico, accesible e con máis oportunidades.
Ademais das mocións, as concelleiras socialistas formularon diversas preguntas ao goberno municipal sobre cuestións de xestión local. Entre elas, interesáronse pola retirada de residuos perigosos, o estado da licitación dos servizos do Parque dos Patos, a execución do proxecto de mellora do muro do Parque da Liberdade ou a situación administrativa vinculada á futura instalación dun cuartel da Garda Civil.
Tamén solicitaron información sobre a organización da cuarta edición do Paso Literario Carmen Martín Gaite, o desenvolvemento de actividades socioculturais nos locais sociais e a difusión institucional das representacións da Aula Municipal de Teatro. Neste último punto, o PSdeG-PSOE expresou a súa preocupación pola escasa visibilidade das actividades e o malestar trasladado por parte de familias e participantes.
As socialistas conclúen que a súa función como oposición pasa tamén por “preguntar, fiscalizar e reclamar información” sobre aqueles asuntos que afectan á veciñanza, reafirmando así o seu papel de control e proposta na corporación municipal.