O PSdeG de Ourense acusa aos populares de soster e branquear o goberno de Gonzalo Pérez Jácome

OurenseXa
Os socialistas lamentan que o PP anunciara que “garante a continuidade de Gonzalo Pérez Jácome na Alcaldía” e que ese é “o único compromiso firme e real que ten coa cidade”
Rolda de prensa do grupo municipal do PSdeG-PSOE do Concello de Ourense
4 Jul 2024

A portavoz do grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González, afirmou esta mañá ante os medios de comunicación que as e os socialistas lamentan que o PP anunciara que “garante a continuidade de Gonzalo Pérez Jácome na Alcaldía” e que ese é “o único compromiso firme e real que ten coa cidade”. E subliñou que “os populares prefiren o Pacto da Alameda ao Pacto da Concordia”.

Logo da rolda de prensa que tivo lugar onte na sede dos populares e das declaracións da edil Noelia Pérez que deixaban ver indignación pola convocatoria doutra nova reunión, Natalia González aclarou que as tres xuntanzas se plantexaron “no mesmo formato, no mesmo lugar e cunha antelación similar de envío en todos os casos”. “A súa suposta indignación si que é unha gran tomadura de pelo”, incidiu.

Respondeu, ademais, ante as acusacións verquidas onte polo PP que no PSdeG non se proclaman autonomeamentos, senón que se segue un proceso de democracia interna. E destacou que dende o grupo municipal socialista son coñecedores de que os populares preferían a outras persoas como candidatas “por pura estratexia política de cara ás vindeiras eleccións. “En calquera caso, o PP non lle vai a dicir ao PSOE quen ten que ser ou non a persoa candidatable como tampouco nós marcamos aos ou ás de otras formacións políticas”, puntualizou. E a preguntas dos xornalistas contestou que “se acabou o paripé do Partido Popular” ante a posibilidade de que se retomen as negociacións.

“Dende o primeiro minuto comprometémonos a acadar unha saída para a cidade, sen liñas vermellas, con responsabilidade e poñendo o interese público por riba dos intereses partidistas, e así foi en todo momento ata o día de hoxe. Sen excusas, sen vetos, sen postureo, con 14 propostas ou compromisos políticos irrenunciables para sacar adiante entre tres formacións políticas”, subliñou a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense. E lembrou que o BNG e o PSOE aportaron 7 firmas á moción de censura mentres que o PP nin puxo ninguna.

Así mesmo, incidiu nas reiteradas declaracións dos populares que sostiñan que “non marcaban liñas vermellas a outras formacións” pero que finalmente resultou que non tiñan intención de apoiar a un candidato ou candidata socialista. “Fai un ano Manuel Cabezas afirmaba o contrario mais, supostamente, veu Paula Prado e mandou parar. Agora non poden apoiar unha candidatura á Alcaldía maioritaria do PSOE e o BNG, que suman 10 actas, pero si puideron apoiar a de DO no ano 2019, terceira forza política, con 7 edís, para botar a un lado á lista máis votada que era o PSdeG”, expuxo recorrendo a liña cronolóxica do acontecido.

Tamén fixo referencia ao malestar interno do PP e insistiu en que non propuxeron a ninguna persoa para dirixir un posible executivo “porque a día de hoxe non teñen candidato nin candidata, nin liderado de ningún tipo na cidade”. E engadiu que “o que si teñen é unha ruptura total no grupo local do Partido Popular” e que a mayoría dos seus integrantes “están fartos xa de non ter autonomía e de estar monitorizados permanentemente polo PPdeG e polo presidente da Deputación na toma de decisións municipais”.

Rematou a súa intervención explicando que as e os socialistas sinten que as negociacións non chegasen a bo porto porque este “era o momento de Ourense, era o momento da política” e que a partir de hoxe, máis que nunca, “a responsabilidade do que veña terá que asumila o PP”. “Nas vindeiras eleccións municipais a nosa proposta é xa unha candidatura conxunta con Gonzalo Pérez Jácome que poden denominar Democracia Popular, porque realmente seguirán a sostelo e branquealo, desde dentro ou fóra do goberno, como mañá coas luces ou quizá para o próximo pleno porque é moi descarado, pero así será, non nos cabe a menor dúbida”, finalizou.

0.17274403572083