O PSdeG de Ourense critica o orzamento municipal de 2026 e alerta de “carencias técnicas” e “falta de planificación”

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense amosou o seu rexeitamento ao proxecto de orzamentos presentado polo Goberno local para o ano 2026, tras a xunta de voceiros celebrada esta mañá. A súa voceira, Natalia González, cualificou o documento como “un documento feito para tapar buratos e non para construír futuro” e denunciou “a falta de respecto institucional” ao remitirse un expediente de máis de 2.000 páxinas apenas uns días antes da súa análise.
Desde o PSdeG consideran que a proposta presenta importantes deficiencias tanto desde o punto de vista técnico como político. Entre as cuestións que sinalan, destaca que o orzamento se apoie nun Plan Económico-Financeiro sen contar coa liquidación definitiva do exercicio anterior, o que, ao seu xuízo, supón aplicar medidas correctoras sen base xurídica consolidada.
Tamén poñen o foco na ausencia do informe de Intervención dentro do expediente, un elemento que consideran esencial para garantir a legalidade e viabilidade das contas municipais. Segundo indican, as reiteradas solicitudes deste informe e a devolución do documento por parte deste órgano incrementan as dúbidas sobre a solidez do proxecto.
No apartado económico, as socialistas apuntan que o incremento do orzamento baséase en boa medida nun aumento dos ingresos procedentes de taxas e servizos básicos, trasladando o esforzo á cidadanía, ao tempo que se recoñece que parte do desequilibrio responde á regularización de débedas de exercicios anteriores.
En relación cos investimentos, consideran que, malia anunciarse un incremento, o seu peso segue a ser reducido dentro do conxunto do orzamento, o que limita a capacidade de transformación da cidade. Neste sentido, advirten de que “non estamos ante un orzamento que marque rumbo, senón ante un orzamento intervido polos erros do pasado”.
Desde o grupo municipal socialista sosteñen que as contas reflicten a falta dun proxecto claro de cidade e critican que “non hai prioridades, non hai planificación e non hai unha visión de futuro para Ourense”. Por este motivo, avanzan que solicitarán máis información sobre o contido do expediente e non descartan a presentación de alegacións.