O PSdeG de Ourense reclama á Xunta e á Deputación a execución da circunvalación leste

O grupo socialista defenderá no pleno provincial unha moción na que denuncia a falta de conexión directa de alta capacidade entre o polígono de San Cibrao das Viñascoa A-52
psoe-ourense-mocion-roda-leste
18 Jun 2026

O PSdeG-PSOE de Ourense defenderá no pleno deste mes na Deputación provincial unha moción na que insta á Xunta de Galicia e á propia institución provincial a executar os tramos pendentes da circunvalación leste A-52/A-76 e a garantir un acceso viario directo e de alta capacidade ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas.

A iniciativa pon o foco nunha eiva histórica de mobilidade que afecta ao principal motor industrial da provincia, que continúa sen unha conexión directa coa autovía A-52. Segundo o grupo socialista, esta situación limita a súa competitividade e condiciona o desenvolvemento industrial da provincia.

O portavoz provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, incide en que resulta “fundamental” completar a circunvalación leste para conectar o polígono de San Cibrao, o Polígono de Pereiro, o Parque Tecnolóxico de Galicia, a cidade do transporte e a futura estación de mercadorías coa A-52. Vila engade que “O trazado remata hoxe nunha glorieta en terra de ninguén e o Partido Popular mantén este proxecto no esquecemento”.

A moción tamén subliña a incoherencia entre a planificación dunha futura estación de mercadorías ferroviarias no polígono, avalada en foros institucionais recentes, e a ausencia dun acceso viario axeitado que permita o seu funcionamento.

O PSdeG-PSOE lembra ademais que o polígono de San Cibrao das Viñas conta con máis de catro millóns de metros cadrados, máis de 430 empresas e arredor de 8.500 persoas traballadoras, chegando no seu conxunto a 560 empresas e 12.500 empregos directos na súa contorna.

O grupo socialista sinala que o Plan Sectorial da Rede Viaria de Ourense, aprobado en 2014, xa recollía esta infraestrutura dividida en tres tramos. O primeiro foi executado en 2020, mentres que os dous restantes seguen sen licitar nin contar con calendario de execución.

O texto da moción inclúe tamén críticas ao que consideran falta de avances e de compromiso político. O PSdeG-PSOE lembra que no último pleno provincial o Partido Popular votou en contra de apoiar proxectos industriais estratéxicos para Ourense e denuncia que a provincia continúa sen estar incluída nos grandes proxectos industriais impulsados pola Xunta.

Finalmente, o grupo socialista considera que a execución da circunvalación leste é unha infraestrutura “estratéxica, urxente e imprescindible” para mellorar a competitividade industrial da provincia e reclama vontade política para desbloquear o proxecto.

0.12682890892029