O PSdeG de Ourense reclama un plan urxente para recuperar a Casa de Baños tras o incendio

OurenseXa
Critican que o suceso evidenciou “o abandono prolongado dun dos símbolos máis relevantes do patrimonio termal da cidade”
alba-natalia-psoe-ourense
2 Jun 2026

O PSdeG de Ourense reclama un plan urxente para recuperar a Casa de Baños tras o incendio

Critican que o suceso evidenciou “o abandono prolongado dun dos símbolos máis relevantes do patrimonio termal da cidade”

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense presentará no pleno ordinario de xuño unha moción na que solicita a posta en marcha dun plan urxente de rehabilitación, recuperación e posta en valor da antiga Casa de Baños, tras o incendio rexistrado na madrugada do pasado 15 de maio.

As representantes socialistas advertiron de que o suceso evidenciou “o abandono prolongado dun dos símbolos máis relevantes do patrimonio termal da cidade”, que sufriu importantes danos estruturais e xerou unha notable preocupación social. A voceira do PSdeG no Concello, Natalia González, subliñou ademais que “non estamos ante un edificio calquera, senón ante unha peza clave da identidade de Ourense, ligada á súa historia termal e ao seu desenvolvemento económico e social”, acompañada pola edil Alba Iglesias.

Segundo denuncian, o inmoble levaba anos nun estado avanzado de deterioro, con presenza de maleza e lixo, e mesmo chegou a ser utilizado por persoas en situación de vulnerabilidade, o que incrementou o risco de ruína. Neste sentido, critican a falta de actuación continuada por parte do goberno local e lembran que xa no pasado se presentaron iniciativas similares sen que se adoptasen medidas efectivas.

“Levamos anos advertindo do abandono progresivo e do risco de perda irreversible deste espazo histórico. Lamentablemente, o que advertiamos rematou converténdose nunha realidade tráxica”, sinalou a voceira.

A iniciativa socialista pide a elaboración dun plan específico para a recuperación do patrimonio termal da cidade, con especial atención á Casa de Baños, e reclama actuacións inmediatas por parte do executivo municipal. A voceira tamén apuntou que “hai financiamento estatal e europeo ao que se pode acceder, pero require vontade política e capacidade de xestión”.

Neste contexto, o grupo socialista lembra a existencia de liñas de axuda para a rehabilitación de patrimonio histórico e turístico, e critica que estes recursos non estean a ser aproveitados polo Concello.

Para o PSdeG, o incendio debería supoñer “un antes e un despois” na política de conservación patrimonial da cidade. “É o momento de asumir responsabilidades e abrir unha reflexión seria sobre o abandono do noso patrimonio máis prezado, que é o termalismo”, afirmou Natalia González.

Entre os acordos propostos, inclúese instar ao goberno municipal a impulsar un plan de rehabilitación concorrendo ás convocatorias de subvencións dispoñibles, así como poñer en valor a historia da Casa de Baños como parte esencial da identidade de Ourense.

Esta proposta súmase a outra iniciativa presentada a semana pasada polos socialistas para garantir o uso democrático e transparente dos espazos públicos.

0.10554194450378