?> O PSdeG do Concello de Ourense reclama programas de educación afectivo-sexual nos centros de ensinanza en OurenseXa

O PSdeG do Concello de Ourense reclama programas de educación afectivo-sexual nos centros de ensinanza

OurenseXa
“A Administración local ten a responsabilidade de ofrecer recursos formativos para avanzar na inclusión da educación afectivo-sexual baseada nos dereitos humanos, cunha perspectiva que atenda á diversidade sexual e funcional”, sinalou a edil do PSdeG Cristina Cruz
psoe_concello_ourense
Grupo Municipal Socialista no Concello de Ourense
Redacción Ourensexa
25 abr 2024

O grupo municipal socialista presentará, no pleno ordinario do mes de maio, unha iniciativa para que o Concello de Ourense poña en marcha programas de educación afectivo-sexual nos centros de Primaria e Secundariacomo ferramenta imprescindible que son para promover a igualdade, a equidade, a xustiza e a deconstrución de mitos e crenzas sobre a sexualidade masculina e feminina.

“A Administración local ten a responsabilidade de ofrecer recursos formativos para avanzar na inclusión da educación afectivo-sexual baseada nos dereitos humanos, cunha perspectiva que atenda á diversidade sexual e funcional e cun enfoque positivo da sexualidade”, sinalou a edil Cristina Cruz ao respecto.Algúns dos obxectivos que se perseguen coa moción é que a formación neste eido sexa accesible, universal e transversal para a mocidade.

Os datos son preocupantes atendendo ao segundo Estudo sobre Educación e Hábitos Sexuais en Adolescentes Galegos: o 8,1% das mozas tivo algunha relación sexual sen consentimento, o 75%das e dos participantes na enquisa infórmanse a través de amizades e internet (sendo a pornografía a principal fonte), o 24% afirma que a formación sobre sexo no instituto é nula e máis do 50% que moi escasa e só o 35,9% das e dos consultados utiliza métodos anticonceptivos.

Coa moción, para a que agardan acadar o respaldo dos grupos da oposición, o executivo local deberá instar ao da Xunta de Galicia a establecer un programa específico de formación ao profesorado para garantir e impulsar, a partir do vindeiro curso, actividades e recursos en materia afectivo-sexual en todos os centros públicos da Comunidade Autónoma.

Por último, entenden imprescindible as e os socialistas a elaboración dun protocolo específico que constitúa unha guía sinxela e clara para que a comunidade educativa dispoña duns criterios orientadores e uns procedementos de actuación básicos, pero claros e completos, ante posibles casos de abuso sexual a menores.