O PSdeG logra o apoio do Pleno para reforzar a seguridade nas obras da Variante Norte e impulsar un plan municipal da literatura

O grupo municipal do PSdeG no Concello de Ourense conseguiu sacar adiante no pleno ordinario de agosto dúas mocións centradas na mellora da seguridade durante a execución das obras da Variante Norte e na creación dun Plan Municipal de Promoción da Lectura e Apoio á Creación Literaria. Ambas as iniciativas foron defendidas pola portavoz socialista, Natalia González.
A primeira das propostas, aprobada cos votos da oposición e a abstención de Democracia Ourensana, reclama a adopción de medidas complementarias durante as obras da Variante Norte para atender as necesidades da veciñanza dos barrios de Quintela de Canedo, Eirasvedras, Tarascón e O Pino.
Entre as actuacións recollidas figuran a habilitación dun itinerario peonil provisional e seguro para manter a conexión coa zona termal, a implantación de medidas de calmado do tráfico e reforzo da seguridade viaria na N-120, así como a apertura dun proceso participativo para definir os futuros usos da parcela que ocupa o antigo Centro de Interpretación de Parques Naturais.
Natalia González defendeu durante o debate que “unha gran infraestrutura non pode construírse dándolle as costas á veciñanza. É posible compatibilizar o avance das obras coa protección da mobilidade, da seguridade e da calidade de vida das persoas que viven nestes barrios, e iso é precisamente o que pretende esta iniciativa”.
A segunda moción, que saíu adiante cos votos favorables de PP e BNG e a abstención de Democracia Ourensana, propón converter a literatura nun dos eixos da política cultural municipal mediante a elaboración dun Plan Municipal “Ourense, Cidade da Literatura”.
A iniciativa contempla a creación dun programa estable de encontros literarios nos barrios, o reforzo do apoio ás librarías independentes, accións de fomento da lectura entre a infancia e a mocidade, o estudo da creación dun festival literario anual e a posta en marcha dun espazo municipal permanente dedicado ao patrimonio literario ourensán.
Segundo destacou a portavoz socialista, “se presumimos de ser terra de grandes escritores e escritoras, tamén temos que actuar en consecuencia. A literatura forma parte da nosa identidade e merece unha política cultural continuada, que apoie aos creadores, ás librarías e ás bibliotecas e que faga da lectura unha ferramenta de participación, educación e cohesión social”.
Durante a sesión plenaria tamén interveu a concelleira Alba Iglesias no debate sobre o transporte metropolitano. A edil reiterou o compromiso do PSOE coa implantación deste servizo na cidade e na súa área de influencia e criticou que Ourense siga sendo a única das sete grandes cidades galegas que carece deste sistema de mobilidade.
Iglesias atribuíu esta situación á falta de vontade política da Xunta de Galicia e ao enfrontamento institucional entre o Partido Popular e Democracia Ourensana. Ademais, censurou que o Goberno galego continúe condicionando a súa posta en marcha á resolución do contrato do autobús urbano e á realización de novos estudos.
Na súa intervención, afirmou que “Ourense leva máis dunha década escoitando promesas que nunca se cumpren. A mobilidade da nosa comarca non pode seguir sendo refén das escusas nin dos intereses partidistas. A Xunta ten competencias e recursos para liderar este proxecto e debe deixar de tratar a Ourense como a cincenta de Galicia”.