O PSdeG pide a Jácome que abandone a alcaldía de Ourense tras ser imputado por presunta prevaricación

OurenseXa
“Ourense non pode ter un alcalde que sitúe os seus intereses persoais por riba do interese xeral nin que ignore de maneira consciente as obrigas legais do seu cargo”, aseguran nun comunicado
natalia-gonzalez
15 Apr 2026

O grupo municipal socialista pide a renuncia de Gonzalo Pérez Jácome á fronte da alcaldía tras a súa imputación por un presunto delito de prevaricación ao non solicitar a compatibilidade das súas actividades privadas co exercicio do cargo público.

“Apelamos á responsabilidade política. Máis alá do que determine a xustiza, hai unha cuestión de exemplaridade que é esencial en democracia. E nese sentido, entendemos que o señor Jácome non debe continuar nin un día máis á fronte da alcaldía. Ourense necesita un goberno digno da súa cidadanía”, sinalan as socialistas nun comunicado.

A voceira e secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González, lembra que a situación “non é nova” e asegura que “ao longo destes sete anos as socialistas mantivemos unha posición firme, coherente e sostida no tempo: a defensa da legalidade, da ética pública e do respecto ás institucións. O que o señor Jácome cualificaba de ataques políticos eran, en realidade, advertencias fundamentadas que hoxe atopan respaldo na actuación xudicial”.

Neste sentido González advirte que “Ourense non pode ter un alcalde que sitúe os seus intereses persoais por riba do interese xeral nin que ignore de maneira consciente as obrigas legais do seu cargo” e lembra que desde o seu partido levan anos denunciando “que o rexedor confunde a Administración pública cunha empresa privada, pasando por riba dos dereitos da cidadanía”.

Ao mesmo tempo, esixen axilidade á xustiza porque entenden “que a veciñanza de Ourense leva demasiado tempo soportando unha situación de deterioro institucional e merece unha resposta rápida e clara que permita pechar esta etapa”.

0.14293813705444