O PSdeG propón sumar a Ourense á rede de destinos turísticos dixitais da provincia

OurenseXa
A proposta busca aproveitar os recursos xa existentes, conectar as ferramentas municipais e provinciais, e deseñar percorridos sinxelos para coñecer a cidade en 24 ou 48 horas
psoe-concello-ourense-orzamntos-natalia-gonzalez-alba-iglesias
Imaxe de arquivo
29 Sep 2026

O grupo municipal socialista no Concello de Ourense presentou unha proposta para que o consistorio avance na dixitalización da súa oferta turística e se sume ao ecosistema de destinos turísticos intelixentes que se está a impulsar desde a provincia. A idea, segundo explican, pasa por aproveitar os recursos xa dispoñibles en vez de crear novas plataformas que poidan solaparse coas existentes.

Para o PSdeG, Ourense reúne elementos abondos para consolidarse como destino turístico de referencia: o patrimonio termal, o río Miño, o casco histórico, a gastronomía, a oferta cultural, o Entroido, os eventos, o comercio e a conexión ferroviaria de Alta Velocidade. Con todo, consideran que dispor destes recursos non chega se non se poñen en valor de xeito coordinado, de forma que calquera persoa que chegue á cidade poida saber con facilidade que pode visitar, como se desprazar e como aproveitar a súa estadía.

Un dos puntos centrais da iniciativa é a incorporación do Concello ao proxecto 'Ourense Cerca DeTI', unha plataforma impulsada pola Deputación Provincial e financiada con fondos do Goberno central, na que se irían integrando de xeito progresivo os recursos e a información turística de titularidade municipal, evitando así duplicar esforzos con outras ferramentas públicas xa en marcha.

A moción tamén insiste na necesidade de mellorar a información dispoñible sobre as termas municipais. Os socialistas reclaman que os diferentes canles turísticos do Concello ofrezan datos actualizados sobre horarios, apertura, servizos, accesibilidade e posibles incidencias, entendendo que o termalismo debería ser un dos sinais de identidade máis destacados da cidade e que a calidade da información debería estar á altura destes recursos.

A proposta inclúe ademais unha iniciativa pensada para aproveitar a chegada da Alta Velocidade e facilitar as estadías curtas na cidade. Trátase do proxecto 'Ourense en 24/48 horas', que contemplaría dous itinerarios turísticos sinxelos capaces de conectar a estación do AVE co centro histórico, As Burgas, a oferta termal, o Miño e a gastronomía local.

Así mesmo, os edís socialistas piden que o Concello estude as liñas de financiamento público existentes para destinos turísticos intelixentes e dixitalización do sector, co fin de preparar proxectos concretos en coordinación coa Deputación, a Xunta de Galicia e o Goberno de España.

A voceira e candidata á Alcaldía, Natalia González, defendeu que o obxectivo da proposta é "facilitar o acceso á información" e conseguir que os recursos turísticos municipais estean "conectados, actualizados" e resulten útiles tanto para quen visita a cidade como para o propio sector turístico.

A moción debaterase no pleno municipal de outubro, cunha proposta que, segundo os seus impulsores, busca aproveitar investimentos xa realizados, coordinar as diferentes administracións implicadas e introducir melloras concretas que poidan manterse no tempo.

Esta iniciativa súmase a outra presentada recentemente polo PSOE, referida á creación dun programa municipal de inmersión lingüística baixo o nome 'Ourense en Inglés'. Con ambas as propostas, os socialistas defenden impulsar medidas concretas, con recursos e obxectivos definidos, en ámbitos como o turismo e a educación, que consideran que quedaron relegados nos últimos tempos na axenda da terceira cidade de Galicia.

0.17542505264282